Alonso Rodríguez, Eduardo
Titulado pola Escola de Enxeñería Técnica de Ferrol, licenciado en Xornalismo e en Ciencias da Imaxe pola Universidade Complutense de Madrid, ten unha longa traxectoria como autor, adaptador e director de escena. Iniciou esta carreira artística en Madrid, onde creou o grupo Teatro Zoo. De volta en Galicia, fundou Andrómena (1979), participou na creación de Teatro do Estaribel (1980-1981), puxo en marcha o Centro Dramático Galego (1994-1995) e creou, finalmente, Producións do Noroeste (1986-1991) e Teatro do Noroeste (1991).
Autor de textos dramáticos, moitos deles en castelán e orientados ao público infantil e dalgún inédito en lingua galega, realizou numerosas adaptacións de textos clásicos, unhas veces en compañía de Cándido Pazó (As vodas de Fígaro, de Carón de Beaumarchais, ou Rei Lear, de William Shakespeare) e outras en colaboración con Manuel Guede (O enfermo imaxinario de Molière, Medea a partir de Eurípides, Séneca e Anouilh, As alegres casadas de Shakespeare, Tagen Ata de Méndez Ferrín, Un soño de verán e Noite de Reis de Shakespeare e Lisístrata ou de cando as mulleres reviraron a partir de diversos textos de Aristófanes.
Entre os seus espectáculos cómpre destacar Laudamuco, señor de ningures (1978), realizado con Teatro Antroido a partir dun texto de Roberto Vidal Bolaño; Bailadela da morte ditosa (1980), coa mesma compañía e sobre un texto do mesmo autor; Celtas sen filtro (1983), con Artello Teatro a partir dunha proposta de Xosé Luís Méndez Ferrín e que constitúe un dos espectáculos máis celebrados do teatro galego; Xogos de damas (1987), produción de Teatro do Malbarate sobre un texto de A. R. Ballesteros; O coronel ten a quen lle escribir (1988), coa Compañía Ernesto Chao a partir dun texto de Manuel Riveiro Loureiro ou Tagen Ata (1990), coprodución de Teatro Caritel e Producións do Noroeste.
Co Centro Dramático Galego dirixiu: Os vellos non deben de namorarse (1985), de Castelao; O enfermo imaxinario (1986); As alegres casadas (1989), premio Compostela ao mellor espectáculo teatral en 1990; Un soño de verán (1992); Lisístrata ou de cando as mulleres reviraron (1997) e El embrujado (1998), integrado no espectáculo Valle-Inclán 98.
Coa súa compañía, primeiro Producións do Noroeste e logo Teatro do Noroeste, dirixiu entre outras: Medea (1987); Galicia S.L. (1988), a partir de textos de María Xosé Queizán, Manuel Rivas, Xesús Campos ou Manuel Guede; Rei Lear (1990); Os xustos (1992), sobre o texto de Albert Camus; A grande noite de Fiz (1992), a partir dun guión de Miguel Anxo Murado; Galileo Galilei (1993), de Bertold Brecht; As vodas de Fígaro (1994); Macbeth (1994); Historias peregrinas (1995), sobre un texto de Miguel Anxo Murado; Noite de Reis (1996), a partir dunha versión do texto de William Shakespeare ou Unha rosa e unha rosa (1997), segundo un texto de Suso de Toro.
Durante todos estes anos recibiu diversos premios (Compostela e María Casares) como director e iluminador, escribiu diversos artigos e participou en proxectos colectivos, ademais de dirixir a revista Teatro do Noroeste, da que se publicaron cinco números. Foi un dos impulsores da creación do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais e autor do traballo Unha política teatral, estruturar teatralmente Galicia (1988).
En 2010 recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Escénicas.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Pontevedra