Alonso-Trelles y Jarén, Xosé María

Alonso-Trelles y Jarén, Xosé María

Escritor. Máis coñecido na súa patria adoptiva, Uruguai, polo pseudónimo El Viejo Pancho. Aos catro anos trasladouse coa súa familia a Navia, Asturias, por mor da profesión de mestre do seu pai, e alí cursou os estudios primarios. Aos quince anos regresou a Ribadeo para facer estudios mercantís e aos dezaoito decidiu emigrar a América. Logo dunha breve estadía en Montevideo viaxou á Arxentina, onde permaneceu dous anos e comezou a escribir os seus primeiros versos. No 1877 trasladouse a Tala, en Uruguai, e continuou a súa tarefa creadora na prensa local e na elaboración de obras teatrais para o Grupo de Afeccionados de Tala. Xa casado, marchou ao Brasil onde permaneceu catro anos ata que en 1887 volveu a Tala, onde retomou os estudios para se facer procurador, profesión que exerceu o resto da súa vida. En 1902 asumiu a nacionalidade uruguaia e en 1908 ocupou un posto na Cámara de Representantes, polo Partido Nacional. Nos últimos anos viviu algún tempo en Montevideo. A súa obra literaria iníciase coa publicación dunhas poesías de mocidade no xornal El Tala (1880-1881) e co poema Juan el loco, publicado en 1887. Posteriormente fundou e dirixiu os semanarios satíricos El Tala Cómico (1894-1897) e Momentáneas (1899-1900), onde colaboraba con composicións asinadas cos pseudónimos Candil e Tácito. Atribúenselle tamén algunhas pezas teatrais de carácter cómico escritas para o Cuadro de Aficionados del Tala como Spyon-Kop o La derrota de mis ingleses, de 1902, Idilio fulminante, de 1911, e Amores fósiles o Broma pesada, sen data. Co sonado pseudónimo El Viejo Pancho, publicou a peza teatral Guacha! (1913) e o exitoso volume de poesías Paja Brava (1916), do que se fixeron máis de vinte edicións posteriores. Publicou tamén as súas creacións noutros xornais como La Tribuna Popular, El Fogón, El Terruño, Almanaque del labrador y ganadero, etc.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Ribadeo

  • Deceso

    Lugar : Montevideo, Uruguai