alquídica, resina
Nome xenérico das resinas poliéster. Na súa preparación ademais de poliois e poliácidos ou os seus anhídridos, interveñen tamén aceites ou ácidos graxos. As resinas alquídicas prepáranse quentando a mestura dos ingredientes nunha atmosfera inerte ata conseguir un peso molecular elevado e unha baixa acidez, mais sen chegar á xelificación. Segundo cal sexa a insaturación dos ácidos graxos empregados, as resinas alquídicas clasifícanse en secantes e non secantes. As secantes, en presenza de osíxeno, forman, a temperatura ambiente, películas sólidas e coherentes: a súa autooxidación convérteas irreversiblemente nun polímero insoluble e infusible. Nas non secantes a insaturación é insuficiente para dar lugar á reticulación. Por razón das cantidades de ácidos graxos e de anhídrido ftálico que conteñen, as resinas alquídicas clasifícanse en curtas, medias, longas ou moi longas de aceite, e as súas propiedades (solubilidade, reticulación, características das películas que forman, etc) e aplicacións varían en consecuencia. Cando conteñen outros ingredientes ademais dos citados, chámanse resinas alquídicas modificadas. As resinas alquídicas empréganse sobre todo para a fabricación de pinturas, esmaltes e vernices, e forman o aglutinante de base dos esmaltes chamados ‘sintéticos’. A súa extrema variedade de propiedades segundo os ingredientes e modificadores empregados dálles unha grande versatilidade e permite empregalos para toda clase de recubrimentos industriais sobre calquera soporte. Os recubrimentos obtidos distínguense pola súa resistencia á intemperie e á temperatura, e pola súa durabilidade, estabilidade de cor, flexibilidade, boa adherencia e facilidade de aplicación. Non é estraño, pois, que as alquídicas sexan as resinas sintéticas máis empregadas na industria de pinturas, especialmente para pintar maquinaria en xeral, envases metálicos, mobles e edificios.