alquimia

alquimia

(<ár al-kīmiyā’ ‘a química’ < grχυμεία ‘mestura de substancias’)

s f [ALQ]

Doutrina e estudo empírico e experimental dos feitos químicos durante a Antigüidade e a Idade Media. Os seus principais obxectivos foron, á procura do que se chama a Grande Obra, preparar a pedra filosofal, supostamente capaz de converter os metais baixos en prata e ouro, e o elixir da longa vida, panacea universal capaz de restaurar a xuventude e de alongar a vida indefinidamente. A alquimia foi dunha extraordinaria complexidade conceptual. Coexistiron sempre os aspectos experimental, filosófico, e o esotérico e místico, que foi a miúdo dominante. Desde as súas orixes manifestáronse dúas tendencias extremas: as dos adeptos, os fillos de Hermes, interesados sobre todo pola mística, e a dos técnicos, que tentaban empiricamente atopar a pedra, ou investigaban os segredos da natureza case co estado de espírito dos científicos actuais. A doutrina alquímica foi unha complicada mestura de filosofía grega clásica, de Neoplatonismo, de maxia exipcia, de astroloxía babilónica, de Gnosticismo, de teoloxía cristiá e, máis tarde, de Teosofía. Fundamentalmente baseábase na concepción aristotélica da unidade da materia. A coexistencia dos catro elementos de Empédocles e a posibilidade admitida por Aristóteles da súa trasformación implicaban para os alquimistas a certeza de poder transmutar as substancias. Os alquimistas crían que o ouro era puro; a prata, nobre; o ferro e o chumbo, baixos e pensaban que os metais sufrían un crecemento que os conduce á perfección do ouro. O seu postulado fundamental era a existencia da pedra filosofal, que actuando coma un catalizador sanda os metais enfermos e que, en virtude do principio de unidade, era tamén, en forma líquida, o remedio por excelencia, o elixir da vida. Os adeptos establecen un paralelismo entre o proceso de perfeccionamento dos metais e o de ascensión espiritual do home e moitos deles consideraban que avanzando no segundo podía realizarse o primeiro. Unha característica importante da alquimia foi o abuso dun complicado simbolismo, que xunto co uso dunha linguaxe enigmática, chea de alusións, alegorías e metáforas fan difícil saber se os escritos dun adepto expoñen feitos observados ou se traducen simplemente doutrinas puramente metafísicas. Pese a todo, o traballo dos alquimistas foi considerable e as súas numerosas e importantes descubertas fixeron nacer novas técnicas artesanais, ou mellorar as existentes, e formaron a indispensable base empírica sobre a que se edificaría a química moderna. Desde o punto de vista histórico, é imposible precisar se a alquimia naceu en Siria, en China ou en Exipto. As primeiras referencias da alquimia chinesa datan dos s IV e III a C, e consisten en especulacións sobre as xeracións e transmutacións cíclicas dos cinco elementos (madeira, lume, terra, metal e auga). Posteriormente a alquimia chinesa colleu como base teórica a filosofía taoísta e centrouse na busca do remedio capaz de dar a inmortalidade. O primeiro autor importante foi Wei Boyang, do s II d C, pero a figura central é o famoso autor taoísta Ge Hong (254-334). En China o obxectivo fundamental da alquimia experimental, ademais do elixir da inmortalidade, foi a transmutación do cinabrio en ouro. No mundo occidental, os primeiros textos alquímicos proveñen dos gregos de Alexandría. Segundo a lenda, o deus Thot, identificado con Hermes Trismexisto, ensinou aos homes os principios da alquimia, de aí o nome de filosofía hermética, e tamén unha posible etimoloxía, xa que chem significa terra negra, nome antigo de Exipto. O inicio da alquimia occidental atópase no tratado escrito por Bolos de Mendes no s II a C sobre aliaxes e coloracións de metais, onde os cambios de coloración son interpretados coma transmutacións. O segundo texto importante, conservado da alquimia grega, é o tratado de Zósimo de Panópole, escrito preto do ano 300, onde xa se demostran coñecementos directos das operacións químicas. A tradición chinesa e grega foi continuada polos árabes. O máis grande alquimista islámico foi Ǧ ābir ibn Ḥ ayyān (s VIII), coñecido en Occidente por Geber, que introduciu a dualidade mercurio-xofre, e o persa al-Rāzī (s IX), moito máis interesado pola química práctica que non polo esoterismo. A alquimia islámica chegou a Europa cara ao s XII, e aínda que o Papa Xoán XXII a condenou, estendeuse por todo Occidente. Os cataláns exerceron un papel importante nesta difusión e os textos de Arnau de Vilanova e tamén os falsamente atribuídos a Ramón Llull fixeron autoridade durante séculos. Os reis Pedro III, Xoán I e Martín o Humano mantiveron tamén relacións estreitas con alquimistas. Entre os alquimistas cristiáns de máis notoriedade atópanse, no s XIII, Roger Bacon e Michael Scot; no s XIV Nicolás Flamel, Petrus Bonus e Bernardo de Treviso; no s XV, George Ripley, e no s XVI o misterioso Basilio Valenti, e sobre todo, Paracelso. Para Paracelso, o obxectivo principal da alquimia era a preparación de medicamentos, e con el comeza a iatroquímica, a medio camiño entre a química e a alquimia. A principios do s XVII destacaron Alexander Seton, chamado o Cosmopolita, e Michael Sendivogius, mais cara a finais do mesmo século, unha química nova comezou a se desenvolver, e a publicación do célebre libro de Boyle The Sceptical Chymist (1661) marcou o final da alquimia considerada coma ciencia. Desde ese momento, a alquimia perdeu rapidamente prestixio e abandonou toda pretensión científica ata ficar convertida, a mediados do s XIX, nunha simple sección do ocultismo.

Refráns

  • Alquimista certeiro: pensou facer do ferro ouro e fixo do ouro ferro.