Altamira, condado de

Altamira, condado de

Título concedido o 13 de marzo de 1455 por graza de Enrique IV de Castela a Lope Sánchez de Ulloa e Moscoso, aínda que a Real Cédula de Privilexio non lle foi outorgada ata 1475. Este era señor da casa de Moscoso e da casa de Altamira, unha das máis ricas en vasalos e terras, e buscou a unión de toda a nobreza galega, rebaixada nas súas competencias coa política centralizadora dos Reis Católicos. Ao morrer sen descendencia, o título pasou a Urraca de Moscoso e Castro, e logo a Rodrigo de Moscoso Osorio, cabaleiro de pluma e espada, fillo do caudillo irmandiño Pedro Osorio. Loitou en 1468 na Segunda Guerra Irmandiña, participou na toma de Granada polos Reis Católicos e escribiu unha serie de composicións incluídas no Cancionero General de Hernando del Castillo. Ao seu fillo, Lope Osorio de Moscoso e Andrade foille outorgado polo Rei Filipe III a Grandeza de España en 1613. Creou a escuadra galega no 1537 e foi destinado a Italia como Gobernador. O quinto conde de Altamira, Rodrigo de Moscoso Osorio e Toledo, casou coa nobre e poetisa Isabel de Castro e Andrade. O seu sucesor, Lope de Moscoso Osorio e Ruíz de Castro Toledo e Andrade, Trece da Orde de Santiago e cabaleiro maior dos Reis Filipe II e Filipe III, entrou na Corte tralo seu casamento con Leonor de Sandoval, irmá do duque de Lerma. Lope de Moscoso Osorio e Mendoza, oitavo conde de Altamira, casou con Xoana de Córdoba, descendente do Gran Capitán e acadou tamén o título de Grande de España. O noveno conde de Altamira, Lope de Moscoso e Guzmán, Vicerrei de València e Sardeña, sobresaíu na loita fronte aos privados e validos, apoiado polos outros nobres galegos residentes en Madrid. Vicente Osorio de Moscoso foi catorce veces Grande de España, e o seu fillo, Xosé de Moscoso e Carvallal, décimo quinto conde de Altamira, vencellouse á familia real co seu matrimonio coa infanta de España Teresa de Borbón. O último en herdar o condado foi Francisco de Asís Osorio de Moscoso e Jordán de Urries, duque de Maqueda e marqués de Astorga. As armas do escudo da Casa de Altamira levan, unha cabeza de lobo, sangrando da súa cor vermella, en campo de prata. A primitiva casa vasca da liñaxe de Altamira levaba, en campo de ouro, unha torre ameada de pedra, arrimada de catro caldeiras de sable, dúas a cada lado; bordo de goles con oito veneras de ouro. Altamira, na freguesía de Brión, foi cabeza deste famoso condado outorgado á ilustre familia dos Moscoso e tiveron o seu pazo en Compostela. Os de Compostela traen, escudo terciado en faixa: a primeira partición con dous lobos pasantes de goles, un sobre o outro en pao, sobre campo de ouro (que son os Osorio); a segunda, con tres paos vibrados de azur, en campo de prata; e a terceiroa, cunha cabeza de lobo de sable, lampasada de goles e esfolada, sobre campo de prata (que son os Moscoso); bordo de prata con cinco escudiños mantelados (o primeiro e o segundo, cun castelo de ouro, en campo de goles); o mantel, de prata cun león rampante de goles. Este brasón era o que usaban os condes de Altamira: os lobos representarían os Osorio; a cabeza de lobo os Moscoso; e os escudiños mantelados do bordo os Enríquez, apelidos que corresponden aos mencionados condes. Este escudo aseméllase tamén ao do concello de Chantada, vila que antano pertenceu ao señorío dos condes de Altamira e marqueses de Astorga, e que se adoptou no 1898 como divisa municipal.