Altamira, covas de

Altamira, covas de

Situada preto de Santillana del Mar, Cantabria. Descuberta no 1869 por Cubillas, foi estudada por primeira vez por Marcelino de Sautuola no 1879. Malia os esforzos de Sanz de Sautuola a partir do ano 1880, non foi ata 1902, logo da descuberta das covas francesas de Les Combarelles e Font de Gaume, cando se recoñeceu a autenticidade das magníficas pinturas altamiranas, que lle custaran a Sautuola a acusación de falsificador. Foi daquela cando Emile Cartailhac e Henri Breuil publicaron os primeiros estudios de resonancia internacional. O xacemento arqueolóxico da cova escavouse dende 1875, poñendo ao descuberto unha serie de niveis que parten dun Musterense mal definido, seguido por un Solutrense non confirmado polas últimas investigacións e, finalmente, polo Madalenense (14000-10500 BP), momento que coincide co máximo apoxeo da actividade artística. A importancia desta cova reside nas súas manifestacións artísticas, agrupables en tres zonas: a máis próxima ao acceso dende o exterior (onde se atopa a “sala negra” e o “gran teito dos polícromos”, un dos conxuntos máis coñecidos da cova e da arte rupestre en xeral), a parte media da cova e o estreito corredor situado no fondo. En Altamira están presentes case todos os temas e técnicas da arte rupestre paleolítica, dende gravados de trazos finos e simples ata figuras polícromas, todos eles encadrables dentro dos estilos III e IV antigo de Leroi-Gourhan, semellando ser as incisións parietais anteriores ás pinturas. Dominan os cromatismos vermellos, negros, violáceos, amarelos e ocre. Para evitar o progresivo deterioramento das pinturas, a cova está pechada ao público. Hai unha reprodución exacta da bóveda pintada no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid e mediante procedementos cibernéticos estase a artellar unha réplica virtual de todo o conxunto da cova.