Altamira, vizcondado de
Este título foi concedido polo Rei Enrique IV de Castela a Xoán de Viveiro, señor de Viveiro, Altamira e Barcial de Loma, o 15 de maio de 1473. Sucedeuno o seu fillo Alonso Pérez de Viveiro. En 1584, Filipe II concedeulle a Xoán Pérez de Viveiro, Mercadio e Guzmán, quinto vizconde de Altamira, o condado de Fuenzaldaña e os títulos de xentilhome de Cámara da súa Maxestade, gobernador do exército de Extremadura, dos estados de Flandes e de Gurlon, e embaixador en Francia. Ao morrer sen descendencia recolleu os títulos Xoán Esteban Pérez de Viveiro, a quen seguiu o seu fillo Alonso Pérez de Viviero. As distincións desta casa pasaron logo aos condes de Gripol porque levaban o apelido Viveiro e, máis tarde, ao marqués de Alcañices. As armas desta liñaxe levan, en campo de ouro, tres estrugas de sinople, cada unha con sete follas, enriba de tres cons da mesma cor, sobre ondas de azur e prata.