altar
(< lat ecles altāre)
-
s
m
[ARTE/RELIX]
Monumento elevado enriba do solo, de pedra, madeira ou metal, destinado aos sacrificios culturais (cruentos ou incruentos) ou a colocar imaxes, queimar incenso ou perfumes, etc segundo o tipo de culto das diversas relixións. É, en todas as relixións, o lugar de contacto entre a divindade e os homes; xa existía na época prehistórica, nas civilizacións antigas do Próximo Oriente e nas tumbas de Exipto. Entre os pobos semitas era corrente o tipo de altar con catro cornos; no Xudaísmo, o altar do holocausto foi moi importante dende a construción do templo de Xerusalén. No mundo grecorromano haino nas tumbas e nas casas. En Grecia existía o pritaneón, altar da cidade, con lume constante e que tamén aparecía nas palestras, nos ximnasios, etc. O tipo máis común tiña forma de ara, pero na época helenística eran monumentais. En Roma o culto imperial fixo que moitos altares se dedicasen aos emperadores: algúns foron de dimensións monumentais, como o Ara Pacis Augustae. No culto cristián o altar pasou ao interior do templo onde se celebraba a Eucaristía. Primitivamente, os cristiáns servíronse nas súas casas de trípodes, de mesas ordinarias, que foron inamovibles nos locais das reunións litúrxicas. Nas basílicas, o altar estaba sobre a tumba dun mártir ou contiña reliquias colocadas nunha cavidade diversamente situada. A miúdo revestíronse de materiais e ornamentacións exquisitas e cubertas por un baldaquino. Cara ao s V hai un só altar no presbiterio, máis tarde distribuíronse outros no interior do templo. Na época románica adoitaban estar illados e tiñan un piar robusto cunha cavidade para as reliquias sobre a que se colocaba a ara. Incorporáronse ao altar elementos moi decorados, como o frontal e as pezas laterais. Este tipo continuou durante os séculos góticos, pero impuxéronse os acaroados ao muro da igrexa. Dende o s XVI xeneralizáronse as construcións de madeira ao xeito dunha gran caixa e modernamente volvéronse facer illados, conforme ás directrices e á reforma conciliar da liturxia.
-
s
f
Termo da xerga dos telleiros ou daordes que corresponde ás voces ‘seo, peito’.