Althusser, Louis
Filósofo francés. Representante dunha das principais correntes do marxismo do s XX, a súa principal contribución consistiu, sobre todo, en propor unha “lectura” de Marx que separa o circunstancial do científico, feito que permitiría a reconstrución dun marxismo científico axeitado para a análise obxectiva da sociedade. Na procura desta lectura científica de Marx, Althusser estableceu un “corte epistemolóxico” nas obras de Marx, distinguindo entre as obras de mocidade (ata 1848), obras de transición (1848) e obras de madurez (a partir de 1848). Segundo Althusser, Marx liberouse de todo hegelianismo e analizou o mundo en Das Kapital (O capital, 1867) con criterios obxectivos e conceptos rigorosos, como os de capital, acumulación capitalista, plusvalía, formación social e outros semellantes. Para Althusser a actividade teórica que conduce á ciencia non pode considerarse nin ideolóxica nin superestrutural, senón que é independente de tales condicionamentos sociais. Esta primacía do científico sobre o ideolóxico levouno a elaborar unha doutrina na que o científico debe ser demarcado do ideolóxico, como xa fixeran Marx, Engels e Lenin. Así mesmo, sentou as bases para a elaboración dunha historia da tradición materialista. É autor de: Pour Marx (A revolución teórica de Marx, 1965), Lire le Capital (Para ler o capital, 1965), Montesquieu, la politique et l´histoire (Montesquieu, a política e a historia, 1959), Lénine et la philosophie (Lenin e a filosofía, 1969) e Réponse a John Lewis (Resposta a John Lewis, 1973).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Birmandreis, Alxeria -
Deceso
Lugar : París