altofalante
(< alto + falante)
-
s
m
[TECNOL]
Transdutor electroacústico encargado de transformar os sinais eléctricos en ondas acústicas e ideado para radiar potencia acústica ao aire. Segundo o principio físico empregado, os altofalantes poden ser electrodinámicos, electromagnéticos, electrostáticos, magnetostáticos, piezoeléctricos ou iónicos. O máis corrente é o altofalante electrodinámico. Dado que é moi difícil conseguir que un só altofalante poida reproducir todas as marxes de frecuencias audibles (20 Hz-20.000 Hz), nos sistemas de alta fidelidade esta marxe é reproducida por dous ou tres altofalantes, que se reparten os sinais mediante un filtro divisor de maneira que cada un deles poida reproducir unha banda máis estreita e máis de acordo coas súas propiedades características. En xeral emprégase un altofalante de graves e outro de agudos, aos que a miúdo se engade outro de medios. Os altofalantes adoitan estar dispostos nunha caixa acústica. O altofalante de graves destínase a reproducir a parte inferior do espectro audible, xeralmente entre 20 Hz e 750 Hz, e de grandes dimensións. O altofalante de medios destínase a reproducir a parte media do espectro audible, xeralmente entre 750 Hz e 5.000 Hz; é de medidas máis pequena ca o dos graves a fin de favorecer a reprodución das frecuencias máis altas. O altofalante de agudos destínase a reproducir a parte máis alta do espectro sonoro, xeralmente entre 5.000 Hz e 20.000 Hz; é o máis pequeno de todos e o que ten unha masa móbil máis pequena e tamén unhas características de radiación máis omnidireccionais. As calidades dun altofalante veñen dadas pola regularidade da súa resposta en frecuencia (que se representa por un gráfico) e a distorsión harmónica, que vén dada en porcentaxes (a miúdo no mesmo gráfico). As características de radiación dun altofalante amósanse nos gráficos polares. Teñen tamén gran importancia outros parámetros: a impedancia, a sensibilidade, a potencia máxima admisible e a potencia mínima necesaria.
Sinónimos: megáfono. -
altofalante electrodinámico
[TECNOL]
Altofalante baseado na acción dun campo magnético permanente sobre unha bobina móbil, unida a un diafragma capaz de vibrar. Chámase tamén de bobina móbil. Consta esencialmente de dúas partes: unha fixa, chamada motor, e unha móbil que é a que produce o son. O motor está constituído por un imán permanente e tres pezas metálicas, a columna polar ou perno, o anel polar e a placa. O imán pode ser cerámico ou ben metálico. O fluxo deste imán concéntrase no entreferro, anel circular que fica entre o gonzo e o anel polar. Dentro do entreferro queda perfectamente centrada a bobina móbil, solidaria coa membrana. Todo este conxunto é soportado pola carcasa onde están as terminais de entrada de corrente cara á bobina móbil. A suspensión exterior pode estar feita do mesmo material que a membrana ou ben por un material máis elástico: goma, neopreno, etc. A membrana adoita estar feita de fibra de celulosa ou ben de algodón, tratados por procedementos similares aos da fabricación de papel. Algúns altofalantes de agudos empregan, en lugar de membrana, unha cúpula hemisférica de tea tratada, papel e aluminio, co que se consegue unha masa móbil máis reducida, e máis facilidade para reproducir as notas altas. A bobina móbil está constituída por un soporte cilíndrico de papel ou ben de aluminio, onde hai enroladas dúas ou catro capas de fío de cobre. O centrador permite manter centrada a bobina no entreferro; é unha peza de tea en forma de acordeón que permite que o altofalante poida desprazarse en sentido perpendicular á bobina móbil.
-
altofalante electromagnético
[TECNOL]
Altofalante baseado na acción dinámica producida sobre unha placa de material ferromagnético por un campo magnético variable. É chamado tamén de ferro móbil. Consta dun imán permanente que, en ausencia de sinal, fai circular un fluxo magnético a través da placa. A corrente alterna procedente do amplificador circula polas bobinas de maneira que o fluxo magnético creado se suma ou resta ao producido polo imán permanente, segundo a polaridade da corrente, e a placa avanza ou retrocede.
-
altofalante electrostático
[TECNOL]
Altofalante baseado no efecto dinámico producido sobre unha placa polarizada sometida á acción dun campo electrostático. Está constituído por un diafragma moi lixeiro de poliéster, colocado entre dous electrodos acusticamente transparentes. Este diafragma está polarizado en relación aos dous electrodos, os que crean un potente campo electrostático. O sinal que provén do amplificador aplícase a estes electrodos mediante un transformador, e as variacións de polarización forzan o diagragma a se desprazar.
-
altofalante integrado
[TECNOL]
Altofalante que non se pode separar doutro aparello e que foi concibido para funcionar conxuntamente con aquel.
-
altofalante iónico
[TECNOL]
Altofalante baseado no feito de que os gases ionizados poden comportarse como un diafragma de seren modulados mediante un campo eléctrico. Para conseguir ionizar o aire, cómpre sometelo a unha tensión continua moi elevada, duns 15.000 V. Unha vez ionizado, superpónselle un campo eléctrico, modulado polo sinal que se queira reproducir; conséguese mover este aire, o que produce o son. Emprégase soamente para reproducir frecuencias altas.
-
altofalante piezoeléctrico
[TECNOL]
Altofalante baseado nas propiedades que teñen algúns cristais de se deformar cando se lles aplica corrente: son empregados para reproducir frecuencias agudas. Pode funcionar inmerso na auga e por iso é empregado para as comunicacións submarinas.