Alvar, Carlos
Licenciado pola Universidade Complutense, realizou a súa tese de doutoramento baixo a dirección de Martín de Riquer en Barcelona. É Catedrático de Historia das Literaturas Románicas Medievais na Universidade de Alcalá de Henares, despois de ter desempeñado o mesmo cargo nas Universidades de Murcia (1982-1984) e na Central de Barcelona (1985). En calidade de profesor visitante foi invitado polas universidades de Durham, Bolonia, Cagliari ou a Michigan State University, mantendo unha actividade continua como Catedrático de Filoloxía Iberorrománica coa Universidade de Basilea (Suíza). Membro de diversas sociedades científicas (Arthurian Society, Société Rencesvals, Sociedad Española de Literatura Comparada -na actualidade, o seu presidente-, Asociación de Cervantistas, Asociación Hispánica de Literatura Medieval), tamén forma parte do Comité Editorial de revistas ou series bibliográficas tan prestixiosas como a Revista de Filología Española, Voz y Letra, Pluteus, Anuario Medieval, Studi Ispanici, Papers of the Medieval Hispanic Research Seminar, entre outras, e dirixe a Revista de Literatura Medieval e a colección de “Clásicos Medievales” da Editorial Gredos. Estudioso de diferentes aspectos da literatura medieval, como o demostran o máis de medio centenar de artigos en destacadas revistas especializadas, actualmente o seu interese focalízase na historia da tradución na Idade Media (pertence á Fédération Internationale des Traduteurs e colabora na Historia da Tradución que se está a preparar en Canadá), sen abandonar a época de Afonso X, á que lle vén prestando atención dende 1978, e á que lle dedica diversos capítulos en diferentes libros e estudios monográficos en revistas especializadas. Particularmente interesado pola novela de cabalerías, dende as súas orixes ata a desaparición do xénero co Quixote, dirixe un ambicioso proxecto, a Gran Enciclopedia Cervantina -el é o director do Centro de Estudios Cervantinos desde a súa fundación en 1992-, que acadará unha extensión de dez volumes. Así mesmo, é autor de numerosas publicacións, entre as que cabe salientar La poesía trovadoresca en España y Portugal (1977), La poesía de trovadores, trouvères y Minnesinger (1981), a Antología de la poesía gallego-portuguesa (en colaboración con V. Beltrán Pepió, 1985), ou a edición crítica Las poesías de Pero Garcia d’ Ambroa (1985). Publica, sendo o responsable da tradución e da introdución, o Libro de la rosa de Guillaume de Lorris (1985) e o ciclo completo do Lanzarote en prosa: La búsqueda del Santo Grial (1986), La muerte del Rey Arturo (1986) e os sete volumes que integran a Historia de Lanzarote del Lago (1987-1988), traballo que foi completado coa Historia de Merlín (2 volumes, 1988) e cun Dicionario de mitología artúrica (2ª edición, 1991), que foi traducido ao italiano en 1998, estando en preparación a versión inglesa. Publica igualmente a Vida de Dante e de Boccaccio (1993), Los lais de María de Francia (1994), La bella dama despiadada de Alain Chartier (1996), unha Breve historia de la literatura española (en colaboración con R. Navarro e J.C. Mainer, 1997) e El cuento del Grial, de Chrétien de Troyes (1999).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Granada