Alvarellos Iglesias, Enrique
Criouse en Soutolongo (Lalín) e fixou a súa residencia en Lugo, cidade na que desenvolve o seu labor profesional en tres actividades: como profesor de linguas clásicas, editor e músico. Na área docente, destaca así mesmo a súa faceta de preparador de numerosos mecanógrafos na Academia Alvarellos (fundada por el en Lugo en 1961) trala publicación dun sistema de aprendizaxe, da súa autoría, que o Ministerio de Educación y Ciencia recoñeceu oficialmente en 1968. O seu labor de editor (Alvarellos Editora Técnica, Lugo, 1977) coñécese especialmente polas reedicións que, en facsímile, publica de obras do século XVIII (Obras Completas do Cura de Fruime, Obras Póstumas de Sarmiento, España Sagrada, Arquitectura de Vitrubio, etc) ademais de obras de fición, históricas ou ensaios, todos eles de temática galega, que saen do prelo da súa editorial. E. Alvarellos é autor de varios libros: a novela Botei Corenta Anos (1977), o poemario satírico-picaresco Cen Anacos (1977), o ensaio Bandas de Música de Galicia, finalista do Premio de Investigación de Galicia en 1987, ou Mulleres Destacadas de Galicia (1993), entre outros, ademais de diversas publicacións en libros colectivos (Escritores de Lugo en torno a Fole), ou colaboracións xornalísticas de temática fundamentalmente musical. A composición e dirección musical é outro dos eidos nos que este polifacético lugués desenvolve o seu quefacer diario. Dende finais dos anos corenta E. Alvarellos leva dirixido máis de vinte agrupacións musicais: Coro Entre as Silveiras, corais de Sarria, Monterroso, Agolada, Capela de San Roque, Coro da Policía Local de Lugo, etc. En 1981 fundou o Orfeón Xoán Montes, un coro de voces graves que xa leva dado máis de 300 concertos por toda Galicia, e diversos lugares de España, Francia ou Alemaña. Como compositor, Alvarellos é autor de numerosas obras de carácter polifónico, de temas folclóricos, relixiosos ou habaneras (A Lanzada, Camiño de Santiago, etc). É membro correspondente da Academia Tiberina de Artes e Ciencias de Roma, na que ingresou en 1978 co discurso “Música Culta en Galicia”. Está en posesión da Gran Cruz da Orde de San Xurxo de Carintia (Italia).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso
Lugar : Lugo