Álvarez Blázquez, Xosé Mª

Álvarez Blázquez, Xosé Mª

Poeta, narrador, conferenciante, autor teatral, arqueólogo, historiador, autor de estudios etnográficos e literarios, editor, etc. Foi o prototipo do intelectual inquedo, amante da súa terra e da súa cultura. Estudiou bacharelato en Tui e maxisterio en Pontevedra. Esta cidade vai ter unha importante influencia na súa formación xa que nesa época de estudante coñece a personaxes da importancia de García Lorca ou Alexandre Bóveda quen casará coa súa curmá Amalia Álvarez Gallego. De precoz vocación, comezou a publicar poemas en xornais de Pontevedra e Tui, e no ano 1932, viu a luz o seu primeiro libro de poemas en castelán Abril e fundou, xuntamente co poeta Xoán Vidal, a revista literaria Cristal. En 1933 ingresou na Federación de Mocidades Galeguistas, nas que exercereu o cargo de secretario de Pontevedra. No ano 1934 rematou os estudios de Maxisterio, e deu a luz un afervoado texto nacionalista titulado Berro en lembranza dos herois de Carral. En 1935 obtivo o seu primeiro destino como mestre na Guarda. A Guerra Civil interrompirá os seus estudios de Filosofía e Letras. Membro do Partido Galeguista dende 1936, foi desterrado en Coreses (Zamora) de onde regresa en 1941 para establecerse na cidade de Vigo coa súa nai e irmáns que foxen das represalias vilegas da cidade de Tui, onde o seu pai fora fusilado, aínda que non foi a única víctima da familia: tamén Alexandre Bóveda fora executado, e outros membros perseguidos e condenados ao cárcere. No ano 1946 casou con María Luisa Cáccamo Frieben. En 1949 é nomeado Membro Correspondente da Real Academia Galega así coma Comisario de Escavacións Arqueolóxicas de Vigo. No ano 1950 fundou a Editorial Monterrey. No 1962 foi elixido Membro Numerario da Real Academia Galega, ocupando a vacante deixada por Aquilino Iglesia Alvariño. Dous anos despois, conxuntamente cos seus irmáns, fundou Edicións Castrelos, unha modesta empresa de trascendente labor na difusión dos clásicos galegos e sobre todo no espallamento da literatura popular coa colección “O Moucho”. No ano 1968 volve ao ensino como profesor de Formación Humanística no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro de Vigo. Nos meses de xullo e agosto de 1969 viaxou a Bos Aires, Mendoza e Mar de Prata como invitado de honor do Centro Galego de Bos Aires, e nestas cidades dá diversas conferencias. No 1976 é nomeado Cronista Oficial da Cidade de Vigo, desenvolvendo como tal un inxente traballo de publicacións referentes á cidade e coa organización dunha futura Hemeroteca de Vigo e do Arquivo Gráfico Documental. Ao ano seguinte é nomeado membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e Xefe do Departamento de Historia de Vigo e a súa bisbarra do Museo Quiñones de León. Neste mesmo ano (1977) recibe o Pedrón de Ouro. No 1983 xubilouse como mestre do IPMP de Vigo e formou parte da candidatuta do Partido Galeguista, do que foi Conselleiro Político, ás eleccións municipais. Abrangueu con éxito moi diversos eidos da cultura, e foi merecedor de numerosos premios e mencións. Publicou poesía en castelán e galego, pero é neste segundo idioma onde acadou o seu máximo esplendor. En castelán, ademais do mencionado libro Abril (1932), escribiu entre os anos 1955 e 1960 o libro de poemas Sonetos del alba insomne, publicado postumamente (1995). Como poeta en lingua galega é autor de Poemas de ti e de min (1949) e Roseira do teu mencer (1950), dedicado á súa primeira filla. No 1954 gaña o Premio Pondal do Centro Galego de Bos Aires con Canle Segredo, que non verá a luz ata o 1976 e que, sen dúbida, se trata do seu mellor poemario, de verso branco, tendencia conversacional e intensa emotividade, que de ter sido publicado no ano 1954 tería influído decisivamente sobre a poesía galega da época. Outras obras poéticas da súa autoría son Cancioneiro de Monfero (1953), reconstrución neotrobadoresca, publicada como “a máis divertida das arlotadas literarias” (X. L. Méndez Ferrín) no día dos Santos Inocentes, e que levantou unha simpática polémica ao pronunciarse admirativamente ante tal achado algúns estudiosos da poesía medieval. No 1954 publicou Romance do pescador peleriño. A súa obra narrativa está constituída polas seguintes novelas en castelán: El crimen de la isla verde (1941), En el pueblo hay caras nuevas (1945), finalista da primeira edición do Premio Nadal; Una cabaña en el cielo (1952); Las estatuas no hablan (1955), e Crecen las aguas (1955), merecedora do Premio Pérez Galdós. En galego publicou o libro de relatos A pega rabilonga e outras historias de tesouros (1971). Escribe dúas obras de teatro en castelán, en colaboración co seu irmán Emilio: El zapato de cristal, estreada no Teatro García Barbón de Vigo (2-1-1947), e Los pazos altivos, comedia en tres actos, en verso, estreada no Teatro Jovellanos de Gijón (11-7-1947). Son numerosísimos os seus estudios literarios, tanto en galego coma en castelán, destacando Poesías galegas de Nicomedes Pastor Díaz (1951); Escolma da Poesía Galega I. Escola medieval galego-portuguesa (1952); Escolma de poesía galega II. A poesía dos séculos XIV ao XIX (1959); Gil Vicente e Galicia: o conto das dúas lousas (1964); O romance da “Silvaniña” en Galicia e Portugal (1965); Contos de Nadal, Aninovo e Reis (1967); Luís Amado Carballo. Vida e obra (1982). En castelán, entre outros moitos títulos, publicou: El Buho Gallego, de Pedro Fernández de Castro (1951); Estudio preliminar a ‘El cazador gallego con escopeta y perro’ de D. Froylán Troche y Zúñiga (1952); Vista parcial de la novela gallega (1958); Datos para la biografía del poeta Añón (1960); Martín Codax, cantor del mar de Vigo (1962); Literatura popular en torno a Pardo de Cela (1965); La carta de las gandumbas de Jacinto de la Peña (1966); Una carta del padre Sarmiento (1969). Entre os seus estudios históricos e etnográficos, tamén numerosísimos e en ambos idiomas, e moitos deles merecedores de premios, citaremos os seguintes: Os tratos dos nenos na bisbarra de Tui (1959); O libro na tradición popular galega (1963); O libro da caza (1969), e sobre todo, Alexandre Bóveda. Apunte biográfico que, editado polo Banco del Noroeste no ano 1982, non foi distribuído por razóns políticas, sendo reeditado dez anos despois por Ir Indo Edicións. En castelán publicou, entre outros, Industrias paleolíticas de la comarca de Tui (1949); Romerías gallegas (1951); Hallazgo de estelas funerarias en Vigo (1955); Galería de gallegos Ilustres (1956); La ciudad y los días. Calendario histórico de Vigo (1960), posteriormente reeditado en facsímil patrocinado polo Concello de Vigo no 1986; Inscripciones romanas de Vigo (1961); Vigo, su historia ante el mar (1961); Cista y ajuar funerario de Atios (Porriño) (1970); Reseña de la Reconquista de Vigo (1978); Cuadros de Vigo en la Edad Media (1980); Vigo en el siglo XIX. De la antigua villa a la ciudad moderna (1980); La prensa periódica viguesa en el siglo XIX (1980). No ano 2008 adicóuselle o días das letras galegas.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Tui

  • Deceso

    Lugar : Vigo