Álvarez Cáccamo, Xosé María

Álvarez Cáccamo, Xosé María

Poeta. Licenciado en Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela e Catedrático de Literatura nun Instituto de Vigo. Dedícase tamén ás artes plásticas na modalidade de poesía visual e obxectual, actividades que mostrou en varias exposicións nas galerías Ad Hoc (Vigo), Citania (Santiago) e Liceum (Porriño).

Colabora frecuentemente en revistas e xornais con poemas e traballos de crítica. Neste sentido coordinou a revista e formou parte do consello de redacción do suplemento de literatura do xornal Diario 16 de Galicia, “Galicia Literaria, e do suplemento “Faro das Letras”, do Faro de Vigo. Ademais é un dos membros do equipo directivo da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

A súa actividade literaria máis ampla é a poética, na que destaca pola súa voz propia e firme, como mostra a súa inclusión en numerosas antoloxías e a tradución dalgunhas das súas obras ao catalán, español e italiano. Comezou a súa andaina en castelán co poemario Laberinto el clavicordio (1977). En galego publicou Praia das furnas (1983), Arquitecturas de cinza (1985), Os documentos da sombra (1986, Premio da Crítica Española 1987), Luminoso lugar de abatimento (1987, IV premio Esquío 1986), Cimo das idades tristes (1988, Finalista do premio Leliadoura nese mesmo ano), Fragmentos de mar (1989), Prego de cargos (1991), a escolma Acordar contigo en Alba (1991), O lume branco (1991), De mañá qué medo (1993), Colección de espellos (1994, en que reúne a súa obra dispersa escrita dende 1988), A escrita das aves de marzo (1997) e Calendario perpetuo (1997, Premio da Crítica de Galicia 1998), Os cadernos da ira (1999), Maré do pobo a arder (2003), Manuscritos do ar (2007), Cántico dos topónimos esdrúxulos (2010), A Boca da galerna. Luz da materia contra o invento de Deus, (2012) e Tempo de cristal e sombras (2014). 

A súa obra está espallada en numerosas revistas (Poesía Hispánica, Kantil, Camp de l’Arpa, Coordenadas, Dorna ou Boletín Galego de Literatura). Achegouse tamén ao teatro coas pezas Monstro do meu labirinto, no volume colectivo Monólogos (1987), e Casa dormida (1988). Internouse no campo da narrativa co libro Microtopofanías (1992), ao que seguiron, en 1996, os relatos de A luz dos desnortados. Como investigador e ensaísta cóntanse entre as súas publicacións o manual Galego cero (1979), as edicións críticas de Longa noite de pedra (1985) e Onde o mundo se chama Celanova (1991), de Celso Emilio Ferreiro; Poesía galega completa (1987), de Xosé María Álvarez Blázquez; as antoloxías 50 anos de Poesía Galega (1994), en colaboración con Carlos L. Bernárdez; Obra poética de Antón Avilés de Taramancos (1998), Ninguén de ningures (2005) e As últimas galerías (2015). 

Da súa participación en obras colectivas hai mostras no ensaio sobre o pintor Magritte en Magritte x 3 (1993), no volume de relatos Novo do trinque (1997), coa narración “O tempo que nos queda” e na colección da Historia da Literatura Galega de A Nosa Terra e a AS-PG co fascículo “A obra literaria de Antón Avilés de Taramancos” (1998), XVIII Festival da Poesia do Condado, 2004, S. C. D. Condado, Poética da casa (2006), Pel con pel (2010), Cociñando ao pé da letra (2011), Urbano. Homenaxe a Urbano Lugrís (2011), 150 Cantares para Rosalía de Castro (2015), 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca (2015) e Os aforismos do riso futurista (2016), entre outras. 

Finalmente, na súa faceta de creador de literatura infantil, deu ao prelo os títulos Pedro e as nubes (1996), Ganapán das palabras (1998), Dinosaurio Belisario, (2001), Un home impuntual (2010) e Sopa de estrelas (2016). 

A Asociación de Escritores en Lingua Galega outorgoulle en 2015 o Premio O Escritor na súa Terra. 

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Vigo