Álvarez de Nóvoa, Francisco
Escritor e xornalista. Procedente dunha familia de ascendencia galega, chegou a Ourense en 1892, onde comezou unha intensa actividade nos medios xornalísticos (El Diario de Orense, La Defensa de Galicia, El Derecho, El Noticiero e As Burgas). En 1896 fundou e dirixiu o semanario satírico La Bruja. En 1909, marchou a Lisboa onde abriu un estudo de fotografía que trasladou, en 1910, a Río de Xaneiro. Alí participou na vida social e na actividade xornalística da comunidade galega. En Bos Aires fundou con Fortunato Cruces La Voz de Galicia (1913) e en 1915 volveu a Ourense e iniciou a súa segunda etapa xornalística na cidade en La Voz Pública, El Miño, onde mantivo a célebre sección “Agujetas”, e La Región. En 1923, ocupou o cargo de director do Diario de Orense, e colaborou como correspondente de El Sol, de Madrid. A partir de 1925 tivo que abandonar calquera actividade relacionada coa literatura e co xornalismo debido ao veto que lle impuxo a Ditadura de Primo de Rivera ao facerlle elixir entre o seu posto de funcionario da Deputación e a práctica xornalística. Animado a escribir por Heraclio Pérez Placer, publica en El Derecho (1894) un feixe de relatos por entregas titulado Beira ao Barbaña. Paisaxes, que probablemente nunca viron a luz de forma independente ata a súa recuperación en 1993 en edición de Jorge Martínez Jiménez. O editor Martínez Salazar publícalle, dentro da colección Biblioteca Gallega, o volume de relatos Pé das Burgas (1896), que o consagra como un dos grandes prosistas do momento, pola súa defensa da modernidade narrativa fronte ao insistente costumismo e ruralismo. Na introdución, titulada “Dous parrafeos”, o autor proclama as súas ideas sobre a lingua e a literatura galega para despois experimentar un tipo de narrativa afastada dos cadros costumistas e populares do medio rural creando unha prosa culta e de temática moderna. Ademais da gran cantidade de artigos xornalísticos e críticas literarias que permanecen dispersos polas publicacións da época, fixo incursións no eido da poesía. Descoñécese a existencia de libros de poemas da súa autoría aínda que se anunciaron como obras en prensa os títulos Íntimas (poesías) e Luzbelia (poemas), das que tan só hai mostras espalladas en revistas e xornais. Escribiu en castelán o monólogo dramático Recuerdo (1895), co que se inicia a Biblioteca Verde y Rosa, Placer. Escribiu as pezas teatrais Los redentores, estreada en 1912 polo Cadro de Declamación do Centro Galego de Río de Xaneiro, La titiritera, estreada en 1918 e Campos de soledad, representada no Teatro Principal de Ourense en 1919. Membro correspondente da Real Academia Galega (1906).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Granada -
Deceso
Lugar : Ourense