Álvarez González, Melquíades
Político. Catedrático de Dereito Romano e membro do grupo de intelectuais da Institución Libre de Enseñanza. Comezou a súa actuación parlamentaria como republicano opoñéndose ao Goberno de Maura. Dende 1901 converteuse en Deputado Permanente pola Unión Republicana de Salmerón pero, como consecuencia da integración deste no pacto lectoral da Solidaridad Catalana, pasou a liderar unha liña crítica dentro do propio seo republicano. Logo, integrouse na Conjunción Republicano-Socialista. A Galicia chegou no 1911 con Salvatella cando xa era ben coñecido polo seu labor político no Congreso. Daquela, o republicanismo na Coruña chocaba coas diferentes faccións do republicanismo nacional inclinándose polo reformismo de Melquíades, liderado por Joaquín Martín Martínez. No 1912 fundou o Partido Reformista, integrado por un nutrido grupo de intelectuais que entrou no xogo das forzas monárquicas fronte ao republicanismo clásico e aos socialistas. Tamén viaxou con Basilio Álvarez a Bande onde conseguiu que os agraristas de Acción Gallega presentasen a súa candidatura a Cortes no 1914, feito que orixinaría críticas por parte da á esquerda do agrarismo, sobre todo ao entraren en convenios con republicanos e socialistas. Un ano máis tarde a revista España, de tendencia reformista, presentou unha importante relación de colaboradores galegos que actuarían coma pontes do melquiadismo en Galicia; entre eles, Rodrigo Sanz, Valeriano Villanueva, Aria Sanjurjo, Banet Fontenla, Rof Codina, Barja Carral, Martínez Suerio, Morán García, Pardo Rodríguez, Serxio Andión, Casares Quiroga e Lugrís Freire. Presidiu o Congreso (1922-1923) e opúxose ao Golpe de Estado de Primo de Rivera. Instaurada a Segunda República Española (1931), converteu o seu grupo en Partido Liberal-Demócrata. Deputado no 1933, apoiou a represión por parte do Xeneral Francisco Franco Bahamonde da Revolución de Asturias do 1934. Foi apresado e morto en Madrid ao pouco de comezar a Guerra Civil Española (agosto 1936).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Gijón -
Deceso
Lugar : Madrid