Álvarez Pousa, Luís
Estudou Filosofía, Teoloxía e é doutor en Ciencias da Información. Profesor na Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago de Compostela, foi delegado da Voz de Galicia en Santiago, director xeral de Cultura da Xunta e coordinador xeral das Xornadas do Cine en Ourense. Publicou traballos monográficos sobre comunicación e cultura, medios de comunicación e audiovisuais en Galicia. Durante a súa estadía á fronte da Dirección Xeral de Cultura promoveu a posta en marcha do Centro Dramático Galego en 1984 e consolidou as axudas para a produción e distribución de espectáculos teatrais. Tamén ocupa un lugar importante no cine galego desde os anos setenta. Coa organización das Xornadas de Cine en Ourense, en que colaborou de maneira moi especial de 1973 a 1978, contribuíu a impulsar a recuperación do cine galego. Durante o seu mandato como director xeral de Cultura da Xunta de Galicia (de 1983 a 1985), deseñou unha política de apoio á produción audiovisual, así como á creación de infraestruturas neste campo (Arquivo de Imaxe, fundamentalmente). Na segunda metade dos anos oitenta pasa a ocupar a dirección de Videovoz-TV, posto que deixa nos noventa para dedicarse á docencia e ao xornalismo escrito. Publicou numerosos artigos sobre cultura e comunicación, con especial incidencia no mundo do cine, tanto na prensa diaria coma en revistas especializadas. No eido literario escribiu o poemario Os cas da vida (1972).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Vila de Rei, Trasmirás