Álvaro Afonso
Autor portugués do que se conserva só unha única composición fragmentaria, transmitida polo Cancioneiro da Biblioteca Vaticana, coñecida como a “serrana de Sintra”. A rúbrica que a precede (“Pregunta que ffez Alvaro Afomso, cantor do senhor Inffante, a h~uu escollar”) permite identificar o autor co Álvaro Afonso, Mestre da Capela Real portuguesa, reformada e prestixiada polo Infante Don Pedro de Portugal, rexente entre 1440 e 1447, durante a minoría de idade de Don Afonso V. Nesa época, ou un pouco antes, foi composta a peza de Álvaro Afonso e, polo tanto, aínda que se conserve nun cancioneiro trobadoresco galego-portugués, debe ser excluída desa tradición literaria. Reforzan esa decisión, ademais do criterio cronolóxico, o xénero compositivo (unha pregunta), a métrica (unha oitava en versos de arte maior, máis dous versos iniciais doutra estrofa), a lingua (con solucións lingüísticas correspondentes ao século XV), e o estilo poético (típico da lírica de cancioneiro do catrocentos). A peza en cuestión foi considerada, erroneamente, como a proba da existencia do xénero poético da serrana ou serranilla na literatura galego-portuguesa antes das compostas por Juan Ruiz no Libro del Buen Amor, ou polo Marqués de Santillana, Don Íñigo López de Mendoza. A súa correcta datación e a pertenza a outro xénero ben distinto (a pregunta) contradín esta consideración. Esta composición, Luis Vaasques, depois que parti, forma parte dun pequeno grupo de poesías que foron copiadas nos cancioneiros galego-portugueses durante a súa confección no século XVI e que, polo tanto, non pertencen á mesma tradición trobadoresca. Esas outras pezas son as de Afonso XI (19,1), Diogo Gonçalvez de Montemor-o-Novo (26,1), Fernand’ Eanes (37,1), e as atribuídas erroneamente a Don Denis (25,72), Fernan Velho (50,5), Johan Lobeira (71,4), Juião Bolseiro (85,8) e Roi Martinz do Casal (145,1; 145,7; 145,9 e 145,10).