Amaía
Comarca natural que se estende ao O de Santiago no interfluvio Sar-Sarela ata chegar á veiga de Padrón polas parroquias de Ames, Bugallido, Ortoño (concello de Ames), Bastavales, Os Ánxeles (concello de Brión) e Ribasar (concello de Rois). O val da Amaía está pechado ao O polos montes de Olerón e ao L polo rebordo da Fosa meridiana. O seu asentamento topográfico, nunha chaira aluvial, converte este territorio nunha área fértil para a agricultura, e cun microclima benigno para o asentamento humano. A comarca experimenta dende a década de 1980 un proceso de explosión demográfica debido á construción de urbanizacións residenciais, tanto de vivendas unifamiliares como de apartamentos, especialmente nos concellos de Ames e Brión, fenómeno vencellado á expansión da cidade compostelana, propiciada pola designación desta como capital de Galicia e a conseguinte localización nela da administración autonómica. A comarca recibe o seu nome do populi prerromano dos amaecos.