Amarelle
-
[ONOM]
Apelido de orixe toponímica. Este topónimo procede do xenitivo dun nome de posesor latino Amarellus < Amarus ‘acedo, agrio’. Xa se documenta no século XIV: Fernán Daras d’Amarelle (doc ano 1348, Onomástica persoal do noroeste hispano de E. Rivas Quintas, p 515).
-
[HIST/HERÁLD]
Antiga liñaxe posiblemente orixinaria da parroquia de Loira no Valdoviño e de San Vicente de Vilaboa en Moeche, tamén de Ferrol, entroncando cos Mandiaa. Outros recoñecen casa orixinaria en San Adrián da Vila, en Ponteceso. As súas armas levan, en campo de azur, un home armado, de prata, cunha espada denuda do mesmo metal na man destra, e un estandarte na sinistra, aos seus pés, amais de cinco cabezas de mouro con turbantes brancos. Outros apelidos relacionados con esta caste son Morelle e Mourelle.