Amārna, Al-

Amārna, Al-

Xacemento arqueolóxico tipo tell situado na ribeira oriental do Nilo, a uns 260 km ao SO do Cairo. Corresponde á antiga Akhetaton (‘Horizonte de Aton’), dedicada polo Faraón Akhenaton ao deus Aton. Cidade de nova planta, estivo habitada dende o ano 6 do seu Reinado (1374 a C) ata o inicio do goberno de Tutankamon (1361-1352 a C). É, xunto con Ilahum, da XII dinastía, e Dayr al-Madīna, das dinastías XVIII-XX, un dos tres núcleos de poboación que se conserva da época faraónica. Tiña tres sectores: meridional, coas casas dos funcionarios importantes; central, coas construcións máis salientables, como o Gran Palacio, o Gran Templo a Aton, e a setentrional. No 1887 atopouse unha colección de pequenas táboas con escrita cuneiforme en lingua acadia (taboíñas de Al-Amārna). A súa cronoloxía vai dende 1389 ao 1358 a C. Fálase da época de Al-Amārna, en senso estricto, para referirse ao Faraonado de Akhenaton, pero abrangueu tamén o do seu sucesor Smenkhkara e o inicio do de Tutankhamon.