Amazonas
Río de América do Sur, primeiro do mundo en canto ao caudal, anchura, profundidade e extensión da súa conca, que cos seus afluentes drena unha área de 6.000.000 de km2e comprende territorios do Brasil, Perú, Bolivia, Ecuador, Colombia e Venezuela. Ten un caudal que oscila entre 80.000 e 120.000 m3/s, e unha velocidade media de 2,5 km/h, que se incrementa abondosamente na época das chuvias. Flúe ao S da liña ecuatorial, en dirección SO-NL, ao longo de 6.280 km dende as fontes do Ucayali e de 5.500 km dende as do Marañón, ata chegar ao Atlántico, onde a desembocadura ten 200 km de anchura media. Se se considera que o Apurímac é a póla nai, o Amazonas ten 7.025 km de lonxitude, cifra que o converte no primeiro río do mundo en longura. A súa situación permítelle recibir afluentes dos dous hemisferios, o que lle provoca cheas en diferentes épocas do ano. Os tributarios andinos son o Marañón, os ríos colombianos e os do O brasileiro. No curso medio, o Madeira pola dereita e o Río Negro pola esquerda son os principais tributarios. Despois de Óbidos recibe, pola dereita, o Tapajos e o Xingue e únese co Tocantins. Así, ata a confluencia co Madeira, o Amazonas é un río alimentado polas augas tropicais de dous hemisferios, pero con máximas que non teñen unha separación de seis meses, senón de tres. Augas abaixo, a marea (que se fai notar ata 1.000 km río arriba) e, ao contrario, a pororoca (onda xigante da corrente do río que traspasa as embocaduras e que se eleva a máis de 8 m sobre o nivel da auga manifestándose ata 200 km dentro do mar), perturban o réxime do río. A súa conca forma unha ampla depresión plana, cuberta de sedimentos terciarios e cuaternarios que chegan a 4 km de grosor depositados sobre o zócolo arcaico convertido en penechaira. O río recibe tres nomes diferentes: os peruanos chámano Marañón ata Iquitos, a partir de aí denomínase Amazonas, mentres que para os brasileiros é Solimões dende a fronteira brasileira ata a confluencia co Río Negro, onde pasa a denominarse outra vez Amazonas ata a desembocadura. O Amazonas ten un importante papel de penetración no interior do continente: é navegable ata Manaus, e en épocas de augas altas ata Iquitos. O caudal do mes de maior estiaxe en Óbidos é de 63.000 m3/s. A súa cunca forma unha ampla depresión plana cuberta de sedimentos terciarios e cuaternarios que chegan aos 4 km de grosor sobre o zócoloarcaico convertido en penechaira. O seu gradiente de altitude é mínimo: a 3.000 km do océano ten unha altitude de 65 m. A gran rede amazónica está formada por ríos brancos e negros. Os ríos brancos (por exemplo o Madeira) son en realidade vermellos e deben a súa cor ás arxilas que transportan. Ao contrario, os ríos negros si son de augas moi escuras, pola solución de ácido húmico que transportan, formado pola descomposición dos solos da chaira de inundación, asolagada gran parte do ano. Outro fenómeno do río son as denominadas terras caídas, desprendementos de bloques de arxilas das chairas aluviais. As chairas de inundación están formadas en gran parte por materiais sedimentarios que proveñen das terras caídas, o cal provoca a obstrución do leito do río e un desprazamento dos seus canais, reemprazadas por amplas lagoas chamadas ralóes, que ás veces dificultan a navegación. As desembocaduras do río descubríronse para os europeos en 1500 por Vicente Yáñez Pinzón, que o remontou soamente cincuenta millas e denominouno Mar dulce. En 1541 o explorador Francisco de Orellana fixo por primeira vez a ruta dende os Andes ata o Atlántico, e deu nome ao río. As fontes do río non se descubriron ata 1941 pola expedición dirixida por Bertrand Flornoy.