Ambía, Igrexa de Santa Mariña de
Igrexa parroquial, situada en Xunqueira de Ambía, e que orixinariamente pertenceu ao mosteiro do mesmo nome erixido no século VIII no lugar no que a tradición di que aparecera a Virxe. A finais do século X levántase un novo cenobio ao carón da capela que albergaba a imaxe da Virxe. Posteriormente, no século XII, os monxes residentes incorpóranse á Regra de santo Agostiño e comeza a construírse o edificio do templo actual. A igrexa posúe unha planta de cruz latina con tres naves separadas por arcos lixeiramente apuntados e cruceiro con tres ábsidas na cabeceira. Destacar a solución da cuberta mediante un artesoado de madeira e o falso triforio sobre as naves laterais no interior. No exterior conserva tres fachadas de estilo románico. Do antigo edificio conventual aínda mantén parte do claustro con arcadas oxivais que revelan unha construción máis tardía.