Amil Barcia, Manuel
Sindicalista. Vencellado dende moi novo á CNT, Amil tivo unha intervención sinalada no movemento libertario tanto en Galicia como no resto do Estado. Carpinteiro de profesión, asesor dos sindicatos da súa cidade natal no primeiro bienio republicano e, así mesmo, membro da FAI, pasou a residir na Coruña pouco antes da folga xeral convocada o 8 de Nadal de 1933 en todo o territorio español pola CNT, e na que participou activamente. Encadeado días despois, os malos tratos recibidos non fixeron máis que aumentar o seu prestixio entre os seus camaradas, de tal xeito que, ata o 18 de xullo de 1936, formou parte en máis dunha ocasión do Comité da CRG. Cando comezou a guerra, reapareceu en Madrid; alí ocupou o secretariado da Federación Nacional del Transporte, así como diversos postos de responsabilidade no Exército da Rexión Centro e no Comité Nacional da CNT. Nos últimos días da contenda, atopámolo no Comité de Defensa da Rexión Centro que vai destituír o goberno Negrín, para asumir logo as tarefas de evacuación cara ao porto de Alacant. Alí foi detido e internado, primeiro no campo de Los Almendros e, máis tarde, en diversas cadeas de Madrid. Unha vez en liberdade, aceptou en dúas ocasións, entre 1941 e 1943, a Secretaría Xeral da CNT na clandestinidade. En xullo de 1944, Amil representou á central anarcosindicalista no Consello nacional da Alianza Nacional de Fuerzas Democráticas; por este feito foi apresado tres meses máis tarde, cando tentaba pasar a Francia para informar á dirección do movemento libertario no exilio. Trasladado a Cuelgamuros para incorporarse á construción do Valle de los Caídos, acertou a fuxir en 1948, pero a policía capturouno e ingresou novamente no penal do Dueso. Manuel Amil foi definitivamente excarcerado no ano 1956. Ata a súa morte residiu en Pontevedra, onde continuou a traballar de albanel.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Santiago -
Deceso
Lugar : Pontevedra