Amoeiro
Liñaxe orixinaria de San Cibrao de Rouzós, en Amoeiro. Tiveron casa na torre de Rouzós e algúns establecéronse en terras de Verín e de Allariz. Unha rama pasou a Sevilla. Emparentaron con algunhas das familias máis ilustres de Galicia: Andrade, Cerradelo, Montenegro, Oxea, Reigada, Ribeira, Soutomaior, Vilamarín. Pedro Iañez de Bóbeda e a súa muller, Leonor González Amoeiro, foron señores de Couto de Parada de Amoeiro e fundaron, en 1575, un vínculo a favor de seu fillo, o capitán Sueiro Enríquez de Bóbeda e Noboa. As súas armas levan, en campo de azur, tres bandas de ouro. Outra variante ostenta, sobre campo de sinople, un xungo de ouro e un lebreiro branco atado a el cunha cadea do mesmo metal. A rama de Sevilla trae, en campo de azur, dous cordeiros brancos, no flanco destro, e dúas rodas de prata, no sinistro, unha detrás de cada cordeiro. Outra variante leva, en campo de azur, tres faixas de ouro.