amoníaco

amoníaco

(

  1. s m [QUÍM]

    Gas incoloro, máis lixeiro ca o aire, composto de nitróxeno e hidróxeno. O amoníaco ten un cheiro penetrante característico. Irrita os ollos e as vías respiratorias. En solucións ao 4-5‰ en volume chega a ser mortal. Na natureza, fórmase a partir da descomposición da materia orgánica nitroxenada e atópase, en pequenas cantidades, na atmosfera e en moitas augas naturais. A solución acuosa do amoníaco xa era coñecida polos alquimistas do s XV, mentres que Berthollet estableceu a súa composición en 1785. A molécula de amoníaco é unha pirámide trígona, co nitróxeno no cumio e os hidróxenos nos tres vértices da base. A parella de electróns non compartidos do nitróxeno é responsable das propiedades básicas do amoníaco e permítelle, en particular, fixar un protón para liberar o ión amonio NH 4 + ; tamén actuar como ligando en numerosos compostos de coordinación con metais pesados, denominados aminas, e asociarse en estado líquido, por formación de enlaces hidróxeno. O amoníaco é moi soluble nos solventes orgánicos e sobre todo en auga. As solucións acuosas son menos densas ca a auga, conducen a electricidade e a súa principal característica é a de ter propiedades netamente básicas. O amoníaco líquido anhidro ten unha condutividade eléctrica da mesma orde ca a da auga, ademais de ser un excelente solvente para un gran número de substancias. Os ións NH 4 + e NH 2 - teñen no amoníaco líquido o papel dos ións H 3 O + e OH - na auga e hai toda unha química das solucións en amoníaco que é análoga en moitos puntos de vista á das solucións acuosas. Malia o seu elevado contido en hidróxeno, o amoníaco non arde ao contacto co aire, pero si nunha atmosfera de osíxeno, e libera nitróxeno, auga e pequenas cantidades de óxidos de nitróxeno. Como consecuencia, a fabricación industrial do ácido nítrico realízase a partir da combustión a 700°C de mesturas de amoníaco e osíxeno en presenza de miolo de platino. O amoníaco reacciona co cloro e co bromo liberando nitróxeno e haluro de amonio. Co litio e o magnesio libera nitruros e co sodio e o potasio, amiduros. Cara aos 500°C comeza a disociarse nos seus elementos e por iso se explica que a alta temperatura actúe como redutor de moitos óxidos metálicos. Antigamente, obtíñase sobre todo como subproduto da destilación do carbono na fabricación do gas ou do coque, e a partir da cianamida de calcio, pero actualmente obtense a partir da combinación directa do nitróxeno e do hidróxeno en presenza dun catalizador (método proposto por F. Haber e C. Bosch). As cantidades de amoníaco sintético que se producen no mundo son enormes e aumentan de forma ininterrompida. Aproximadamente o 70% está destinado a fertilizantes. O resto destínase a unha infinidade de industrias diferentes. Utilízase directamente, por exemplo, para a produción de urea, de ácido nítrico, de sales amónicos, de hidrato de hidracina, de acrilonitrilo, de carbonato sódico, para a nitruración, no recocido de aceiro e como fluído refrixerante. Indirectamente, para a produción de explosivos, de resinas amínicas, de nailon, de colorantes, de deterxentes e en moitos outros usos. O amoníaco diluído e en pequenas doses, utilízase como estimulante nos etílicos e tamén como diaforético e expectorante. No exterior, concentrado, utilízase como cáustico nas picaduras e mordeduras de animais velenosos, e diluído en fomentos e locións, como rubefaciente e sedante.

  2. goma de amoníaco [QUÍM]

    Goma de resina exsudada polo Dorema ammoniacum e probablemente por outras umbelíferas. Utilízase en adhesivos para a porcelana.

  3. sal amoníaco [QUÍM]

    Cloruro de amonio.