Amor Meilán, Manuel Pascual
Fixo estudios de Perito Mercantil na Coruña. Traballou como funcionario no Goberno Civil de Lugo desde 1897 ata 1907 e na Deputación da mesma cidade desde 1910 ata a súa morte. O seu labor como funcionario compaxinouno con colaboracións e cargos en distintos medios xornalísticos da época, así como coa creación literaria. A súa produción, en galego e en castelán, tocou a poesía, o relato, a biografía, a historia ou o teatro. Concorreu a numerosos certames literarios e está considerado como o autor galego con maior número de premios, tanto en Galicia como fóra dela. Ademais de académico fundador da Real Academia Galega, pertencía como correspondente á de Belas Artes de Barcelona, á de Belas Artes de San Fernando, á de Belas Artes e Ciencias de Toledo, ao Instituto Histórico do Minho, e, en calidade de socio honorario, á Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra. Concedéuselle o título de comendador da Orde de Alfonso XII. A produción en lingua galega de Manuel Amor Meilán comprende poesía, narrativa e teatro. Como poeta publicou Treboadas (1884), en colaboración con Raúl Muñiz y Bailly, ademais doutras composicións espalladas en xornais e revistas da época. A súa produción narrativa en lingua galega comprende: dúas novelas, Xuana, novela de costumes gallegas e Os fillos d’a praya e vinte e catro relatos curtos publicados entre 1887 e 1890, espallados por xornais galegos como O Tío Marcos da Portela, O Galiciano, Galicia Humorística ou A Monteira. Como autor teatral escribiu o drama histórico Men Rodríguez Tenorio. En 1890 publicou un fragmento da mesma en A Monteira, denunciando que esta fora falsamente atribuída a Henrique Labarta Pose. Como autor en lingua castelá deuse a coñecer en 1882 con Mendo de Mendoza o los amores de un noble. Seguiron a esta, outras novelas e libros de relatos como Justicias y crueldades (1883), Desde la honradez al crimen (1884) ou Amante, esclava y verdugo (1889); en poesía, Pedro Madruga (1887), Dolores (Album de mi hija) (1890) ou Floralba (1902); e en teatro, El regreso (1897), El corazón y la ley (1897), Sísifo ou Las alas rotas. Entre os seus estudios monográficos, destacan: Galicia en el teatro antiguo (1902), Memoria crítico-bibliográfica sobre el teatro regional gallego, Historia de la provincia de Lugo, da que chegou a publicar sete volumes entre 1918 e 1927 e que só chega ata o s XIII ou os tomos Lugo e Generalidades da Geografía de Galicia (1935). Entre 1922 e 1924 publicou a serie Biografías gallegas en La Voz de la Verdad, La Provincia e en La Voz de Galicia. Moitas delas estaban firmadas co pseudónimo Manuel Molina Mera.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso
Lugar : Lugo