Amor Ruibal, Anxo María Xosé

Amor Ruibal, Anxo María Xosé

Filósofo, teólogo, canonista e lingüista. Foi ordenado sacerdote o 19 de maio de 1894. Durante o curso 1895-1896 ampliou os seus estudios na Universidade Gregoriana de Roma. Con vinte e sete anos rexentou a cátedra de Teoloxía fundamental e de Linguas bíblicas no Seminario de Santiago; despois desempeñou a cátedra de Dereito Canónico e, durante algún tempo, tamén se ocupou da cátedra de Estudios Superiores de Linguas Orientais. Ademais foi cóengo da catedral, vicario xeral e gobernador eclesiástico. Pertenceu á Academia da Lingua e a de Ciencias Morais e Política. Foi nomeado académico de honor pola Academia Galega e membro da Sociedade Xermana de Filoloxía Oriental de Berlín e a Internacional de Intelectuais de Roma. En 1925 foi nomeado polo Papa para formar parte da comisión de teólogos encargados de estudar e expoñer ante a Santa Sé a doutrina patrística e teolóxica sobre a mediación da Virxe María. Sobre este traballo redactou dous volumes, conservados no Vaticano e editados por Compostellanum (1956-1958). As súas obras tratan de superar o dualismo entre Platonismo e Aristotelismo, pero prevalencendo a distancia entre materia e espírito. O seu pensamento filosófico-teolóxico pasou desapercibido, e só décadas despois se puxo en proceso a reedición das súas obras e a publicación das inéditas. Como publicista editou varias recensións de distintos libros na prensa diaria. Publicou as seguintes obras: Programa de Propedéutica teológica (1898), Programa de lenguas bíblicas, con principios de Gramática comparada de familia aria y semítica (1898) e Programma praelectionum Juris Publici Ecclesiastici necnon Institutionum Juris Canonici (1899), publicación dos programas de estudios das súas cátedras; traducións de dúas monografías nas que se incluían as súas opinións: Principios generales de Lingüística Indoeuropea (1900), de Lyón P. Regnaud e un ano despois Doctrina de Santo Tomás acerca del influjo de Dios en las acciones de las criaturas racionales y sobre la Ciencia Media (1900), de J. Pecci (reedición en Compostellanum (1960-1962); Los problemas fundamentales de la Filología Comparada. Su historia, su naturaleza y sus diversas relaciones científicas (1904-1905), dous volumes sobre Lingüística Xeral, posiblemente traducido ao italiano, holandés e húngaro; estudios sobre as leis promulgadas naquela época, Esponsales y Matrimonio (1908), Novísima legislación canónica. La amoción administrativa de los párrocos (1912), La Bula española y sus privilegios según la reforma de Benedicto XV. Exposición y comentarios (1915), Derecho penal de la Iglesia Católica según el Código Canónico vigente (1918); Los Problemas Fundamentales de la Filosofía y del Dogma (1914), obra de dez volumes traducida a varias linguas. Anunciou que tiña en preparación un dicionario etimolóxico sobre a lingua galega pero nunca chegou a editalo; sen embargo, consérvanse probas do seu interese polo estudo do galego como un artigo de 1927 titulado La lengua gallega y su léxico etimológico, reproducido no número 25 (1969) da revista Grial. Tamén publicou “La cruz svástica en Galicia” en Faro de Vigo (1930). Despois da súa morte publicáronse algunhas das obras que deixara inéditas: Cuatro Manuscritos Inéditos, editada por Saturnino Casas Blanco. O Consello Superior de Investigacións Científicas tamén publicou en distintos tomos a edición completa da súa obra.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : San Breixo de Barro, Pontevedra

  • Deceso

    Lugar : Santiago de Compostela