amortecedor -ra

amortecedor -ra

(< amortecer)

  1. adx

    Que amortece.

    Ex: Con este elemento amortecedor sentiremos moito menos os ruídos.

  2. s m [ENX]

    Dispositivo utilizado para evitar as perturbacións que se producen nas máquinas eléctricas sincrónicas por disimetrías magnéticas e eléctricas que distorsionan o campo magnético lonxitudinal. Está constituído por un bobinado, disposto en forma dunhas barras de sección adecuada, aloxadas ao longo dos orificios feitos nas expansións das pezas polares do rotor. Nos dous extremos do rotor hai uns aneis metálicos que curtocircuítan as barras e forman unha gaiola que cobre a periferia.

  3. s m [METROL]

    Dispositivo dun aparello de medición que evita que a agulla oscile ao redor do seu punto de equilibrio.

  4. amortecedor de suspensión [ENX]

    Dispositivo mecánico que reduce progresivamente ata anulalas as oscilacións do sistema elástico de suspensión dun vehículo (resortes, béstas, chumaceiras pneumáticas e outras), debidas a irregularidades do terreo ou a freadas, viraxes e vento, entre outras. Hai que evitar que o elemento elástico da suspensión tarde demasiado tempo en deixar de oscilar completamente (suspensión branda) aínda que non pode chegar a impedir totalmente o efecto da bésta (suspensión dura). Polo xeral son cilindros de funcionamento hidráulico, formados por un pistón de dobre efecto cunhas válvulas que controlan o paso do aceite nos dous sentidos. Hoxe en día, os amortecedores son de acción hidropneumática; teñen unha cámara de gas (xeralmente nitróxeno) estancada e separada do aceite por medio dun pistón; son vantaxosos respecto aos hidráulicos e aseguran a adherencia permanente das rodas á estrada. Os trens de aterraxe dos avións levan amortecedores para suavizar o golpe e as oscilacións que se producen durante a propia aterraxe.

  5. amortecedor electromagnético [ENX]

    Tipo de amortecedor cun funcionamento baseado nas correntes de Foucault. Utilízase en aparellos de medición eléctricos.

  6. amortecedor torsional [ENX]

    Dispositivo montado nun extremo do cegoñal dos motores de explosión para suprimir ou reducir as tensións que producen as vibracións torsionais ás velocidades críticas de funcionamento. Está constituído por unha parella de volantes concéntricos: un fíxase sobre o cegoñal e o outro é puxado polo roce dun elemento intermediario.

  7. solución amortecedora [QUÍM]

    Solución ao pH da que se modifica moi pouco por dilución ou por adición de cantidades moderadas de ácidos ou de bases, incluso fortes. As solucións amortecedoras, tamén chamadas solucións tampón, están constituídas, polo xeral, por unha mestura dun ácido débil e un dos seus sales, dunha base débil e un dos seus sales ou de dous sales de fases sucesivas da neutralización dun poliácido. Escollendo convenientemente o ácido (ou a base) e as concentracións relativas, é posible obter solucións amortecedoras para un valor calquera de pH. A acción dos sistemas amortecedores explícase polo feito de que as solucións de ácidos e de bases febles están pouco ionizadas e, polo tanto, o seu pH depende moi pouco da concentración. Os líquidos biolóxicos son todos solucións amortecedoras. Ademais dos sistemas amortecedores de pH hai tamén sistemas amortecedores de oxidación-redución, que tenden a estabilizar o potencial de oxidación-redución das solucións.

Palabras veciñas

amortallador -ra | amortallamento | amortallar | amortecedor -ra | amortecemento | amortecer | amorteirar