analizador -ra
(< analizar)
-
adx
Que analiza.
Ex: Tentaron comprobar os resultados con dous novos controis analizadores.
-
s
m
[FÍS]
Nun polarímetro, prisma de Nicol ou outro sistema óptico (turmalina, película polaroide, etc) que recibe a luz que lle envía o polarizador.
-
s
m
[QUÍM]
Aparello que permite facer a análise química cuantitativa dun ou varios dos compoñentes dunha mostra. Resérvaselle o nome de analizadores aos instrumentos que serven para a determinación continua da composición química, que dan directamente os resultados que corresponden a cada momento nunha mostra fluída que circula en fluxo continuo ou discontinuo. Empréganse principalmente na industria para o control e regulación eventual dos procesos continuos de fabricación, pero tamén resultan moi útiles para a análise clínica e en oceanografía. Actualmente aplícanse a mostras moi variadas (gasosas, líquidas ou en solución). O principio de funcionamento destes instrumentos fundaméntase na medida, por medio dun sensor, dalgunha propiedade física ou químico-física da mestura a analizar que sexa función da composición desta, como a condutividade térmica ou eléctrica, a absorción óptica ultravioleta ou infravermella, etc; e na conversión do sinal recibido polo sensor nun sinal eléctrico proporcional que se amplifica, avalia ou rexistra por medios electrónicos.
-
analizador de cor
[IND/ARTE]
Instrumento electrónico, en forma de cadro ou reixa, empregado na determinación do filtro de cor correcto cando se realizan copias en cor, a partir dos correspondentes negativos ou diapositivas.
-
analizador de gases
[IND]
Aparello industrial destinado a medir a composición dos fumes ou gases producidos nunha combustión. Pode servir tanto para controlar a marcha dun forno como para estudar o funcionamento dun motor de combustión interna. No primeiro caso, colócase a toma de mostras do aparello antes da cheminea; no segundo, ao remate do tubo de escapes do motor. Adoitan ser de funcionamento automático e continuo, e sinalan os resultados nuns reloxos (aparellos indicadores) ou sobre un gráfico (aparellos rexistradores). Os gases a analizar conteñen principalmente monóxido e dióxido de carbono, vapor de auga, osíxeno sobrante e, eventualmente, trióxido de xofre e hidrocarburos non queimados. O principio de funcionamento do aparello pode ser químico ou físico. Os primeiros son unha versión automatizada do analizador de Orsat, mentres que os segundos poden actuar por medida indirecta da condutividade térmica mediante un catarómetro ou da absorbancia a unha certa lonxitude de onda da rexión do infravermello.
-
analizador de probas
[INFORM]
Persoa encargada de comprobar o correcto funcionamento dunha aplicación ou aparello informático que aínda non foi rematada por completo (en inglés beta tester).
-
analizador de transistores
[METROL]
Aparello de medida electrónico que ten por finalidade efectuar nun transistor as medidas que permiten obter os parámetros, as características e o comportamento nunhas condicións dadas.
-
analizador diferencial
[INFORM]
Nome dado aos primeiros calculadores analóxicos.
-
analizador de imaxe
[IMAX]
Dispositivo empregado para realizar a análise das imaxes a transmitir. Os primeiros analizadores eran mecánicos e constaban dun elemento xiratorio que permitía analizar opticamente as imaxes. Os máis empregados foron o disco de Nipkow, a coroa de lentes e, sobre todo, a roda de espellos de Weiller. Actualmente, os analizadores empregados son totalmente electrónicos e practicamente non teñen inercia. Ademais, baséanse no fenómeno da integración fotoeléctrica e o rendemento da iluminación da escena é moi superior. O primeiro analizador electrónico empregado foi o analizador ou disector de imaxes de Farnsworth. Actualmente só se empregan os analizadores baseados na integración fotoeléctrica, como poden ser o iconoscopio, o orticón e, modernamente, o vidicón e o plumbicón.
-
analizador de Orsat
[METROL]
Absorciómetro portátil que permite determinar a porcentaxe de dióxido de carbono, osíxeno e óxido de carbono que contén unha mostra de gases de combustión. Un modelo máis evolucionado permite tamén a análise de hidrocarburos non saturados, de hidróxeno e de metano.
-
analizador harmónico
[METROL]
Aparello que permite separar e medir a frecuencia e a amplitude dos harmónicos dunha onda periódica non sinusoidal.
-
analizador sensorial
[PSIC]
Na escola de Pavlov, cada un dos sistemas sensoriais exteroceptivos (analizadores periféricos), dos nervios aferentes e dos centros nerviosos corticais (analizadores centrais).