Ancara
[ant: Angora] Capital de Turquía e da il homónima, situada no centro do altiplano de Anatolia, tocando a confluencia dos ríos Ancara Suyu e Sakarya (3.235.700 h [1990]). A situación de Ancara favoreceu a súa relación co resto do país, feito que influíu na súa elección como capital da nova Turquía, no canto de Istambul, cidade de maior importancia pero cunha situación máis excéntrica. Actualmente constitúe unha cidade administrativa e cultural, ademais de turística. Corresponde á antiga Ancira e pertence aos turcos dende o s XIII e foi ocupada polo Imperio Otomano en 1402. Dende 1864 foi capital dun vilayet ata que, en 1923, Mustafá Kemal a converteu na capital de Turquía. O núcleo histórico está formado por un conxunto de rúas estreitas, de difícil circulación, onde se atopan as mesquitas e os mercados ao aire libre. Do seu pasado histórico son testemuños os numerosos monumentos romanos (templo romano de Augusto, termas de Caracalla, columna atribuída a Xuliano) e otomanos, herdados da súa época de esplendor (mesquita de Arslan Khane, s XIII). Así mesmo, entre os seus recursos culturais cómpre mencionar tamén: un museo etnográfico, un arqueolóxico e outro de arte islámica. A cidade administrativa onde se localiza a Asemblea Nacional, os Ministerios e as embaixadas, é de planta nova, xirando arredor da avenida Atartürk. Ancara, así mesmo, é sede universitaria e centro internacional dedicado ao ensino da administración pública, que funciona coa asistencia técnica da ONU. Ancara é tamén un mercado agrícola tradicional, así como o principal centro comercial e industrial do moher; entre as súas industrias cómpre salientar, tamén, a do coiro, a de mosaico e as fábricas de cemento. Está ben comunicada por ferrocarril con Istambul e cos portos do mar Negro; ten, así mesmo, un importante aeroporto internacional, Ancara-Esenbo ǧ a.