Andalucía
Comunidade Autónoma do estado español, situada ao sur da Península Ibérica (87.268 km2; 7.234.873 h [1996]).
A xeografía física
Andalucía é unha das rexións exteriores á Meseta; só penetra polo norte no zócolo herciniano, que lle pertence no seu extremo meridional. Resulta, así, un típico relevo mediterráneo, de extrema variedade pola súa orixe alpina, pola súa estrutura e pola súa morfoloxía. De N a S distínguense tres unidades de relevo: a Sierra Morena, a Depresión Bética e as Cordais Béticos. Todo o conxunto gaña gradualmente altitude de O a L e de N a S, acadando a máxima altitude no extremo SL, en Sierra Nevada (3.481 m no Mulhacén, máxima altitude peninsular). A Sierra Morena, ao N, é un cordal esgrevio aínda que de altitudes máis ben modestas (serra Madrona, 1.323 m) que constitúe o límite S da Iberia herciniana. Máis ao S, pero lixeiramente desprazada ao O, a Depresión Bética é unha ampla e triangular fosa alpina de orixe tectónica rechea de sedimentos terciarios e cuaternarios. Finalmente, ao longo do Mediterráneo, pero coa súa máxima expansión no L, onde acada a máxima amplitude (máis de 200 km), esténdese o máis grande conxunto orográfico peninsular, os cordais Béticos, que accidentan máis das dúas terceiras partes de Andalucía. Este cordal divídese en tres unidades: as serras Subbéticas ao N, o cordal Penibético ao S e a Depresión Intrabética. A maioría dos ríos de Andalucía pertencen á bacía do Guadalquivir, mentres que o resto ou ben desemboca directamente no Mediterráneo e na costa atlántica meridional ou ben vai parar á bacía do Guadiana. Os ríos máis importantes son o Guadiana, Odiel, Guadalquivir e Guadalete (atlánticos) e o Almanzora e Adra (mediterráneos). O clima é xeralmente mediterráneo, con suaves temperaturas no inverno e forte seca estival.
A vexetación e a fauna
A vexetación de Andalucía é fundamentalmente mediterránea con acusadas influencias meridionais. O clímax ibérico do aciñeiral, na actualidade alterado ou desaparecido en parte aínda que nas serranías orientais de Cádiz existen retais forestais en excelente estado de conservación, esténdese dende as áreas montañosas do nordeste ata a chaira do Guadalquivir. Cara ao oeste, tamén nas montañas de Sierra Morena, a vexetación adquire un carácter lusitánico-mediterráneo cun certo matiz atlántico (sobreiras e matogueiras). En oposición a esta área relativamente húmida da Andalucía occidental, a Andalucía oriental ten os índices de aridez máis altos de toda Europa. A vexetación da baixa Andalucía oriental debía ser un espiñeiral de evidente influencia africana, substituído agora por ermos ou subdesertos pterofíticos e tomentais. En Sierra Nevada atópanse, por riba do piso bioclimático do aciñeiral, manchas de vexetación de influencia atlántica e submediterránea con carballo cerquiño, piñeiro rubio e a maior densidade europea de endemismos. As montañas do sector de Ronda, especialmente húmidas, caracterízanse por unha flora moi peculiar, tamén de influencia africana, na que salienta sobre todo o abeto pinsapo. Na ribeira dereita da desembocadura do Guadalquivir atópase unha importante reserva biolóxica, o Coto de Doñana. Na fauna andaluza, unha das de maior densidade do continente europeo, destacan especies propias do continente africano ou outras practicamente extintiguidas do resto de Europa. Así, entre os réptiles destacan a tartaruga moura e o camaleón, entre os mamíferos o lobo cerval e o meloncillo e entre as aves a malvasía, a galiñola cristada, a gaivota biquistreita, a aguia imperial e o quebraoso. Tamén ten notable importancia o Estreito de Xibraltar e os humidais próximos que concentran a maior parte das aves migratorias de Europa.
A xeografía económica e a economía
Andalucía baseou tradicionalmente a súa economía na agricultura. Non obstante, a crise secular do campo andaluz, a febleza do sector secundario e a explosión turística dos anos oitenta para acá provocaron unha acusada terciarización da economía, que se reflicte na poboación activa do 1991: o 15% dedicado ao sector primario, o 13% ao secundario, o 12% á construción, o 50% ao terciario e o 10% de ocupación indefinida. A agricultura, pese a todo, continúa a ser un piar importante da economía. Predominan amplamente as terras de secaño (85%) por diante dos regadíos (15%). No relativo á superficie ocupada, en Andalucía hai un elevado predominio do monocultivo de secaño (cereais e oliveiras). Os principais cereais son o trigo e a cebada, cunha distribución máis homoxénea ca a oliveira concentrada sobre todo en Córdoba, Sevilla e, especialmente, en Jaén. A viña, a pesar de gozar dunha produción de gran sona (xerez, málaga, montilla), ocupa unha proporción moi pequena da superficie labradía. Adquiriu importancia a produción de cultivos industriais, xeralmente en réxime de regadío e de xeito intensivo. A remolacha azucreira (con producións similares ás do trigo), o algodón e os derivados do xirasol orixinan producións anuais moi elevadas. As hortalizas, sobre todo os tomates, xeran tamén rendementos moi elevados. A gandería estivo tradicionalmente relacionada coa agricultura: cabras en Málaga e Granada, touros bravos no val do Guadalquivir e porcos nos aciñeirais e sobreirais de Sierra Morena, pero a cría intensiva en granxas mudou moitos dos antigos esquemas e fixo tamén que parte da produción agrícola se destine ao consumo do gando. Actualmente a cabana porcina é a máis salientable. O sector mineiro, moi importante, dispón de explotacións en Huelva (piritas e manganeso en Riotinto e Tharsis), Jaén (chumbo en Linares e na Carolina), Córdoba (carbón en Peñarroya) e Granada e Almería (ferro en Alquife e Serón). A industria andaluza baséase, principalmente, na transformación dos produtos agrícolas e mineiros. En Sevilla e Cádiz atópanse as industrias alimentarias (fariñeiras, azucreiras, oleícolas e conserveiras) e tamén as de bebidas. En Jaén e Córdoba destacan as industrias olivareiras. Outras industrias destacadas son a aeronáutica en Sevilla, a construción naval en Cádiz e a química no litoral de Huelva e Cádiz (campo de Xibraltar) e na zona de Sevilla. O turismo, iniciado nos anos sesenta nas costas da Andalucía oriental, é hoxe unha das actividades económicas máis dinámicas. Cádiz e Algeciras son os portos máis destacados de Andalucía e, en Málaga e Sevilla, están os aeroportos con maior tránsito de viaxeiros.
A xeografía humana
Andalucía ocupa o 17,3% da superficie de España; a súa poboación representa o 17,8% do total e a súa densidade é de 82,9 h/km 2 (1996), índice lixeiramente superior á media do Estado. As áreas máis densamente poboadas son o baixo Guadalquivir e os litorais de Málaga e Granada. Por provincias, as máis poboadas son as de Málaga e Cádiz, seguidas da de Sevilla. A poboación andaluza experimentou un forte aumento durante o s XX (3.594.000 h no 1900, 5.606.000 no 1950, 6.940.522 no 1991 e 7.234.873 h en 1996), por mor sobre todo da súa elevada natalidade, proceso atenuado, pola contra, pola forte emigración. A emigración andaluza, iniciada dende Almería cara aos núcleos de Madrid e Barcelona, dirixiuse posteriormente a Europa, en especial a Francia, Alemaña e Suíza, e ás áreas industriais dos arredores de Barcelona e, nun segundo termo, de Madrid. Predomina maioritariamente a poboación reunida en núcleos urbanos superiores aos 10.000 h. Nos lugares nos que predomina o poboamento máis disperso, atopamos en boa parte de toda Andalucía os cortijos, explotacións agrarias illadas.
A historia
É coñecido o poboamento prehistórico en Andalucía dende o Paleolítico Inferior, como poñen de manifesto as numerosas evidencias descubertas na rexión de Orce (Venta Micena, Barranco León, Barranco del Paso e Fuentes Nuevas), do Plistoceno Inferior, e os xacementos da Solana del Zamborino, Cúllar, o val do río Guadalete e da cova da Carigüela. A rexión tivo unha grande importancia nas primeiras idades dos metais, por mor dos xacementos de cobre, ouro e prata. Este feito explica a densidade dos megalitos no poboado de Los Millares (Almería), que deu nome a unha cultura. Cara á metade do segundo milenio, a parte occidental foi ocupada pola cultura de El Argar. O paso dos metais explica o establecemento dos fenicios nas costas andaluzas (Gadir, Abdera, Almuñécar). Dos contactos cos fenicios naceu a civilización tartésica no s VIII a C. Ocupada polos romanos despois da Segunda Guerra Púnica (cara ao 200 a C), designárona primeiro como provincia Ulterior e despois Bética, cando a romanización foi moi rápida. Despois das invasións dos vándalos, a rexión foi incorporada ao reino visigótico de Toledo. No s VI, unha gran parte da Bética foi incorporada ao Imperio Bizantino, grazas ás loitas entre as diversas faccións visigodas. Ao comezo do s VIII, estas mesmas loitas internas provocaron a intervención dos musulmáns (711) que aniquilaron o estado visigótico. Andalucía foi o centro da Hispania musulmá (o seu nome deriva do que lle deron os árabes: Al- Andalus) e da cultura que se desenvolveu, especialmente durante o Emirato (despois Califato) de Córdoba. A partir de comezos do s XI, a desaparición do Califato fragmentou Al-Andalus nas diversas taifas. Procedentes do norte de África, por Andalucía chegaron á Península Ibérica os almorábides (1091-1146) e os almohades (1146-1269), pero estes non puideron evitar o avance de Castela cara ao sur, de xeito que a mediados do s XV só quedaba baixo o poder islámico o Reino de Granada. A fase final da conquista castelá, que culminaría en 1492 coa toma de Granada, representou un cambio substancial para a historia andaluza. Isabel I de Castela permitiu a existencia do Reino de Granada polos tributos que del recibía, sen embargo, cando comezou a escasear o ouro en Granada decidiu dar un último pulo á súa campaña. A concesión real de extensas propiedades a nobres e ordes militares como consecuencia da conquista cristiá de Al-Andalus, converteuse nun dos fundamentos históricos do latifundismo. A partir da conquista de Granada, os destinos de Andalucía dependeron, xa que logo, da política de Castela. Na fase final da conquista, cara ao 1490, comezou a devastación da horta granadina, na que os árabes realizaran un labor de canalizacións e de cultivo intensivo moi apreciable. O comercio co Novo Mundo, a empresa colonial, tivo unha grande influencia na economía andaluza. A política exclusivista de Castela quedou especialmente reflectida na concesión monopolística feita a Sevilla como porto único para a navegación e o control do comercio das Indias. Só cando a tonelaxe dos buques provocou dificultades para o acceso polo Guadalquivir se acentuou a rivalidade con Cádiz, que conseguiu o traslado da Casa da Contratación en 1717 coa desculpa de aproveitar as magníficas condicións náuticas da súa excelente badía. Malia o monopolio, que non se liquidou ata o 1778 por mor das leis de libre comercio, non se orixinou o desenvolvemento económico do sur que se malogrou pola xestión da oligarquía mercantil andaluza. Pestes, secas e asolagamentos ocasionaron graves períodos de fame durante os ss XV e XVI (peste do 1480, fame do 1506), agravadas por unha estrutura deficiente pola desmesurada protección á gandería, o absentismo no campo, o fracaso da política de taxas do goberno, a expulsión dos mouriscos, a importancia do latifundismo, o predominio incesante da clase aristocrática e a indixencia laboral e profesional das clases traballadoras. Cara ao 1640 a indignación contra o Rei e contra o goberno, representado polo conde-duque de Olivares, tivo en Andalucía proporcións inesperadas. O duque de Medina-Sidonia intentou aproveitarse desta situación e conspirou para proclamarse rei dos seus territorios procurando a axuda de Portugal, Francia e os Países Baixos; sen embargo, a incapacidade para comprender o sentimento popular e a pouca intelixencia dos aristócratas fixo fracasar a conxura nobiliaria. Unha das esperanzas malogradas no desenvolvemento da cuestión agraria andaluza foi a famosa colonización de Sierra Morena e a Parrilla, levada a cabo do 1767 ao 1769 polo conde de Aranda, Campomanes e Olavide, que tiña por obxecto poboar os lugares máis deshabitados de deteminadas zonas de Jaén, Córdoba e Sevilla. Esta obra, sen embargo, non tivo continuidade. As guerras civís e as ideas liberais, que animaron a gran parte da burguesía urbana, levaron á desamortización, o que favoreceu aos ricos. As Cortes de Cádiz ratificaron a nova tendencia individualista e liberal, e o Alzamento de Riego (1820) derivou na expresión dos movementos liberais urbanos andaluces que case nunca chegaron a conectar cos movementos populares. Antes do s XIX xa se produciran motíns e revoltas importantes en Andalucía: Fuenteovejuna en 1476, o motín de Córdoba e a revolta de Sevilla en 1652, etc. Os movementos autenticamente reivindicativos non se iniciaron ata mediados do s XIX, cando as ideas da Internacional comezaron a penetrar na masa traballadora e campesiña. As represións dos movementos populares e anarquistas acabaron a miúdo en represións sanguentas por parte da oligarquía dominante e das autoridades (Conspiración de Sevilla de 1857, Revolta da Mano Negra de 1883). Ao chegar a Revolución de Setembro de 1868, o ambiente foi favorable para Andalucía. Os traballadores invadiron as propiedades rústicas e discutiron sobre o reparto dos bens nas súas reunións e nos seus escritos. Cando, a finais do 1868, Fanelli foi nomeado voceiro e propagandista na Península Ibérica da Alianza da Democracia fundada por Bakunin, a maior parte dos xornaleiros andaluces seguiron a súa chamada. Esta toma de partido acentuouse no 1872 ao producirse a escisión entre socialistas e anarquistas no Congreso da Haia; así, Andalucía converteuse nun foco do anarquismo ibérico, xunto co levante peninsular. Ao proclamarse en 1873 a Primeira República, numerosos motíns e insurreccións, a maioría das veces desligados uns dos outros, producíronse en Andalucía. Entre os conflitos deste período destacan as insurreccións cantonais de xuño de 1873 en Málaga, San Fernando, Sanlúcar e Sevilla, promovidas polos republicanos federais e coa axuda dos anarquistas que chegaron a facerlle crer ao gobernador de Sevilla que a proclamación do Estado de Andalucía era un feito inevitable. Non obstante , a revolta foi finalmente esnaquizada polo Xeneral Pavía. Neste contexto, a Asociación Internacional de Traballadores callou rapidamente entre as clases populares, mentres que as clases intelectuais defendían un liberalismo que xamais serían quen de atopar. Jerez constituía un dos núcleos irredutibles do anarquismo e foi aquí onde, no 1883, se desenvolveu a primeira folga -no sentido moderno da palabra- das rexistradas nos campos andaluces. A comezos do s XX foise forxando a transformación do movemento anarquista na súa nova forma, o Anarcosindicalismo. En outubro do 1910 un congreso de federacións e de grupos libertarios creou en Sevilla a Confederación Nacional do Traballo (CNT). Os anarquistas ocasionáronlle graves problemas á Segunda República; especialmente, en Andalucía, onde se sentiron insatisfeitos cos intentos moderados de reforma agraria. O famoso Alzamento de Casas Viejas (11 e 12 de xaneiro de 1933), capitaneado por Seisdedos e violentamente reprimido pola Garda Civil e o Exército, quizais fose un dos momentos máis expresivos das dificultades da nova esquerda liberal republicana para entender o grave trasfondo que se agochaba detrás do problema agrario andaluz. Nas eleccións de febreiro do 1936 a maioría da poboación andaluza optou pola Fronte Popular e ao declararse a Guerra Civil de 1936-1939, as clases traballadoras mantivéronse a carón da República. Durante o franquismo, Andalucía coñeceu unha forte concentración de leiras pequenas e medianas, o que provocou un aumento notable das explotacións agrarias de dimensións medianas. Os minifundistas practicamente desapareceron. A expansión turística, a partir dos anos sesenta, creou algunhas zonas privilexiadas que atraeron man de obra do interior e orixinaron industrias subsidiarias (construción, alimentación, servicios, etc), unida a unha intensa emigración ás rexións industrializadas, desconxestionaron durante varios anos o subdesenvolvemento andaluz. A partir de 1975 algúns sectores da burguesía urbana andaluza comezaron a defender as correntes rexionalistas e mesmo nacionalistas, tendencias reservadas ata entón ás clases populares ou a pequenos núcleos intelectuais. En 1977, ao instaurarse a monarquía constitucional, o voto andaluz apoiou os partidos da esquerda. En abril do 1978 Andalucía conseguiu un réxime preautonómico que presidiu Rafael Escuredo (PSOE). O Estatuto de Autonomía andaluz aprobouse en outubro de 1981, ratificouse nas Cortes no mes de decembro e, en xaneiro de 1982, Andalucía converteuse en Comunidade Autónoma. As primeiras eleccións ao Parlamento Autónomo (1982) déronlle a maioría ao PSOE, polo que Rafael Escuredo pasou a ser o primeiro presidente autonómico de Andalucía. A presidencia do goberno autonómico permaneceu en mans do PSOE durante todo o período democrático; logo da dimisión de Escuredo (1984) sucedéronse na presidencia: J. Rodríguez de la Borbolla, Manuel Gracia Navarro, Gaspar Zarias Arévalo e, dende 1990, Manuel Chaves González.