Andalus, Al-
Territorio da Península Ibérica incorporado ao mundo islámico entre os ss VIII e XV. O termo árabe Al-Andalus foi utilizado polos escritores árabes medievais para referirse ao territorio da Península Ibérica sometido ao dominio musulmán. O territorio que designa non é sempre o mesmo posto que, a medida que a conquista cristiá progresaba, designaba nada máis que a zona aínda dominada polo Islam, e rematou referíndose unicamente ao Reino de Granada. A conquista da Península comezou no 711, despois dun desembarco de exploración no ano 710. No prazo de sete anos apoderáronse de toda a Península e de parte das terras da outra banda dos Pireneos. Pouco despois acadaron o límite máximo da súa expansión, na rexión de Poitiers, onde os deteu Carlos Martell no ano 732. Aínda que tradicionalmente se ten falado de invasión árabe, os invasores foron en grande parte bérberes. Os bérberes mesturáronse decontado cos hispanos que se someteron facilmente posto que, ao convertérense como muladís, adquiriron unha situación mellor ca que tiñan, sometidos á aristocracia visigótica. O período que vai dende a conquista ata a chegada a Al-Andalus do último dos omeias de Oriente, Abd al-Ramán I, foi unha época de transición na que os emires ou gobernadores, eran nomeados dende Damasco -ou Bagdad-, se ben na práctica eran os mesmos súbditos os que elixían o seu xefe limitándose a facer ratificar a súa elección polo Califa oriental. O triunfo dos abásidas sobre os omeias en Oriente representou para Al-Andalus a ruptura da súa dependencia do Califato oriental e o inicio do período coñecido como Emirato de Córdoba (756-929). Abd al-Ramán I mantivo unha ligazón relixiosa, aínda que de certo moi feble, co único Califa de todo o Islam; sen embargo, no eido político o país acabou por ser completamente independente. Con Abd al-Ramán III, que se proclamou Califa no ano 929, desapareceu a cativa unión relixiosa con Oriente. Durante o período inaugurado por este soberano (Califato de Córdoba), o Islam peninsular acadou o seu século de ouro. As relacións co mundo cristián foron intensas e o Califa de Córdoba intercambiou embaixadores cos diferentes soberanos cristiáns, mesmo co Emperador de Bizancio. Despois de Hisam II o Califato entrou en decadencia e terminou por conformar unha serie de pequenos reinos, os chamados Reinos de Taifas, que xa non puideron opoñer o mesmo bloque compacto e forte fronte aos reinos cristiáns do norte da Península Ibérica, e que foron frecuentemente vasalos dos reis cristiáns. Ao dominio dos almorábides, logo dunha época de desorde e confusión chamada das “segundas taifas”, seguiulle o dos almohades. Este novo movemento reformista, de orixe tamén africana, aínda lle deu, por última vez, un tempo de esplendor a Al-Andalus. Pero xa o empuxe da conquista cristiá era demasiado forte para poder ser soportada e só unha pequena dinastía, a dos nazaritas, mantivo ata finais do s XV un reduto do Islam no pequeno Reino de Granada.