Andrade, condado de

Andrade, condado de

Título concedido polo Emperador Carlos V, o 1 de maio de 1543, a Fernando de Andrade das Mariñas, segundo conde de Vilalba. Foi Capitán Xeneral da Liga Santaza e das tropas do Pontífice Adriano VI e acadou moita sona nas campañas españolas en Italia. O conde de Andrade casou coa viúva do seu curmán Diego de Acevedo, a condesa de Monterrei Francisca de Zúñiga. A súa filla, Teresa de Andrade e Zúñiga, contraeu matrimonio co conde de Lemos, Fernando Ruíz de Castro e herdou o condado. A liñaxe dos Andrade tivo a súa casa orixinaria en Andrade, Pontedeume, onde aínda se conserva unha fortaleza co mesmo nome. Antepasados dos condes foron os señores Pérez de Andrade, Fernández de Andrade e outros que descenden dos condes de Traba e Trastámara. Seica foi Fernán Pérez de Andrade quen acuñou moeda e engadiu -lembrando o favor prestado ao Rei don Enrique-, un xabaril e un oso ás armas primitivas da famila. De feito, o xabaril é a figura principal dos Ares que foron nun comezo lugartenentes dos Andrade na vila coruñesa deste nome. Outras armas levan en campo de sinople, unha banda de ouro e bordo de prata con este lema en letras de sable: “Ave Maria Gratia Plena”; cada unha destas palabras colocadas no xefe, flanco sinistro, punta e flanco destro, respectivamente. As máis comúns levan, banda engolada en boca de dragonetes, do mesmo metal. Outra variante trae, en campo de sinople, banda de ouro, engolada en águias dragonetes da mesma cor.