Andrade, Domingo Antonio de

Andrade, Domingo Antonio de

Arquitecto nado en Cee (A Coruña). Inscribiuse como estudante entre 1654 e 1656 na facultade de Artes da Universidade de Santiago. Comezou a traballar nos talleres da Catedral de Santiago desde 1662 onde desenvolveu un ascenso profesional rápido: tres anos máis tarde xa aparecía vencellado ao fabriqueiro Vega y Verdugo que o promocionou como Aparellador Maior da catedral (1669). Pouco tempo despois, en 1676 acadou o cargo de mestre de obras coa obriga de organizar os espectáculos de fogos artificiais, trazar e dirixir todas as obras do edificio catedralicio e as posesións do cabido santiagués. Como arquitecto cómpre salientar as súas numerosas intervencións na catedral: a remodelación da Porta Santa (1694), o pórtico real da Quintana (1695-1700), a capela do Pilar (1686-1710) e sobre todo, a Torre do Reloxio (1676-1680) onde chegou ao seu cumio monumental e decorativo. A todo isto hai que lle engadir a súa actividade como mestre de obras municipal. Desta época son edificios civís tan significativos como a Casa da Parra (1683-1685) ou a Casa da Conga (1709-1713). O seu labor como enxeñeiro de obras públicas permitiu a súa actuación nas conducións de auga da cidade, a construción dalgunhas fontes públicas ou da carnicería, as reparacións na muralla, etc. Con respecto á súa actividade como organizador das festas con fogos de artificio da cidade, están documentadas as súas intervencións nas exequias da raíña Mª Luisa de Borbón (1689) ou na conmemoración da visita da raíña María de Neoburg (1690). Tamén convén subliñar a súa tarefa como teórico, estudoso e inventor. A súa obra máis significativa como teórico é Excelencias, Antiguedad y Nobleza de la Arquitectura, onde reivindica a importancia do concepto do arquitecto profesional.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Cee

  • Deceso

    Lugar : Santiago