Afonso IV, o Monxe

Afonso IV, o Monxe

Rei de Asturias e León (925-926 e 929-930) e Galicia (929-930). Fillo de Ordoño II e sobriño de Froila II. O seu reinado insírese de cheo no proceso de enfrontamentos civís que caracteriza os reinos cristiáns do NO da Península Ibérica durante o s X, conflitos internos que responden fundamentalmente á dinámica de diferenciación dos distintos territorios (Galicia, León, Asturias e a incipiente Castela) nun momento no que, como sinalan os documentos da época, aínda se recoñecen dentro do espazo que denominan Galliciense Regnum non só os correspondentes a León e Braga, senón o mesmo Sahagún. Á morte de Froila II (925), ocupou o trono o seu fillo Afonso, quen sería destronado polos seus curmáns Afonso IV e Sancho Ordóñez axudados por Sancho Garcés I de Navarra . A raíz dese feito, Afonso IV ocupou o trono de Asturias e León. No ano 926 iniciou unha campaña militar coa finalidade de anexionar Galicia ao seu Reino; custoulle a derrota e o propio trono de León, que posuirá ata a súa morte Sancho Ordóñez, axuntando deste xeito Galicia e León. Coa axuda anovada de Sancho Garcés I, no 928 Afonso reintentou a invasión; doutra volta, suponlle a derrota e a expulsión do seu Reino. No 929,   morre o seu irmán Sancho Ordóñez, ocasión que permite a Afonso IV recuperar o trono leonés, desta vez con Galicia incorporada ao reino. Cumprido este seu programa político inicial, abdicou no 931, trala morte da súa dona (filla do seu aliado Sancho Garcés), en favor de Ramiro II, o seu irmán e Xeneral, e ingresou monxe no mosteiro de San Xián de Sahagún. No 932, arrepentido desta decisión e aproveitando a ausencia de Ramiro -que axudaba os toledanos contra o exército cordobés-, toma a cidade de León facéndose proclamar Rei novamente. Axiña foi vencido por Ramiro II, quen mandou que o cegasen extraéndolle os ollos.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Sahagún ou León