Afonso V, o Nobre ou o dos bos foros

Afonso V, o Nobre ou o dos bos foros

Rei de Galicia e León (999-1028). Neto por parte de nai de García I de Castela e fillo de Vermudo II (Vermudo), herdou o seu trono no 999 con só cinco anos de idade. Durante a súa minoría foi criado pola súa nai, dona Elvira, e o conde galego Menendo González, ao que se opuxo o conde de Castela Sancho García, desexoso da tutela do neno rei, que de facto, implicaba detentar a rexencia; os enfrontamentos polo poder entrambos condes, sumados aos ataques de Abd al-Malik Yusuf al-Muzaffar, conformaron un período inestable que remataría coa decisión da súa nai de proclamar a maioría de idade do rei á morte de Menendo González, no inverno do 1007 ao 1008, e coa morte de Abd al-Malik no mesmo 1008. Durante o período de rexencia e os primeiros tempos do reinado de Afonso V, os anos do cambio de milenio, Galicia viviu un período de inseguridade no que aos conflitos entre os reinos cristiáns da Península Ibérica se sumaron as razzias de Almanzor que tomou Compostela pola forza, e os ataques normandos a poboacións litorais. A alianza entre Afonso V, o conde de Castela Sancho García e o Rei de Navarra Sancho o Maior derrotou a Almanzor   no 1002, morrendo segundo a tradición en Calatañazor. No 1014 venceu o normando Olaf Haraldson que saqueara Tui apresando o cabido, mentres os condados de Castela, de Barcelona e o reino pamplonés ían refacéndose dos danos que as razzias de Almanzor provocaran. Coa pacificación dos inimigos exteriores rexurdiron as diferencias entre os reinos cristiáns: cos casteláns remataron cando Afonso V aproveitou a morte de   Sancho García e a minoría de idade do infante García para se apropiar das prazas arrebatadas polos casteláns durante a minoría de Afonso; as diferencias cos navarros remataron co casamento de Afonso con Urraca, irmá de Sancho III o Maior de Navarra, no 1023 ou 1024. Nesta coxuntura, Afonso V dispúxose a reconquistar os territorios portugueses que Almanzor acadara. Morreu durante o sitio a Viseu, no 1028. Sucedeuno no trono o seu fillo Veremundo III. Repoboou León, que fora destruído por Almanzor, e axuntou alí curias rexias encargadas da reorganización do Reino nos anos 1017 e 1020; as leis que se decretaron coñécense como Foro de León, e delas vénlle o seu segundo alcume.

Cronología

  • Deceso

    Lugar : Viseu