Afonso Alvaro
A única fonte de información que ofrece algúns datos sobre este autor, é a rúbrica atributiva e explicativa, que precede á única cantiga da súa autoría: “A° Gomez, jograr de Sarria, fez esta cantiga a Martim Moxa”. Segundo esta rúbrica sería un xograr natural de Sarria, que estivo relacionado con Martín Moxa. A ausencia de documentos que proporcionen referencias sobre a súa cronoloxía e sobre as relacións mantidas cos medios cortesáns, obrigou os investigadores a recorrer á súa relación con Martín Moxa. Así pois, Afonso Gomez probablemente desenvolveu a súa actividade poética na Corte castelá de Afonso X, na segunda metade do s XIII, concretamente na década 1270-1280. Se se teñen en conta as alusións que o autor fai na súa cantiga á vellez de Martín Moxa, este xograr podería estar aínda activo no derradeiro cuarto do s XIII ou incluso a comezos do século seguinte. Tanto nos cancioneiros onde se copiou a composición “a mia alma se perca”, (Cancioneiro da Biblioteca Nacional e Cancioneiro da Biblioteca Vaticana) como na Tavola Colocciana, atribúeselle esta cantiga a Afonso Gomez. A maioría da crítica acepta esta autoría fronte á profesora Luciana Stegagno Pichio que, na súa edición de Martín Moxa, optou por incluíla na produción deste trobador, aínda que relegándoa a un apéndice. Xenericamente, a súa única cantiga é un escarnio persoal, dirixido ao trobador Martín Moxa. Nela faise unha constante referencia á lonxevidade deste personaxe, debida quizais á inxestión dunhas herbas máxicas. Formalmente, trátase dunha cantiga de mestría organizada en tres cobras singulares. Cada unha das estrofas presenta un esquema métrico-rimático diferente.
Cronología
-
Deceso
Lugar : XIV