Afonso Mendez de Besteiros
Trobador probablemente portugués. Son case inexistentes os datos documentais que temos deste autor, quizais por pertencer a unha familia da pequena nobreza de escasa relevancia social. Non obstante , a súa presenza nun documento de 1290, nunha doazón de Martin Gil de Riba de Vizela ao mosteiro de San Vicente de Fora en Lisboa, permite un mínimo achegamento á súa reconstrución biográfica. Co estalo da Guerra Civil, entre os anos 1247-1253, exiliouse á Corte castelá de Fernando III, integrado no séquito de Gil Martins de Riba de Vizela, home de confianza do Rei deposto, Sancho II. Despois dunha probable participación nas campañas andaluzas, volveu a Portugal; entre os anos 1264-1275 e 1281-1285 frecuentou a Corte castelá de Afonso X, acompañando a Gil Martins e a Martin Gil, respectivamente. Atribúenselle catorce composicións: nove cantigas de amor, dúas cantigas de amigo, dous escarnios políticos e un escarnio persoal. Cinco das súas cantigas de amor constan dunha única cobra, polo que é probable que sexan fragmentarias. As cantigas de amor desenvolven liñas temáticas esenciais da poética amorosa: a loucura de amor; a coita e o seu tráxico remedio, a morte de amor; a constancia do servizo amoroso que reafirma a sinceridade do trobar; e, finalmente, dous textos que aluden ao motivo da partida do namorado. As dúas cantigas de amigo tratan do motivo do fals’ amigo, isto é, a namorada expresa a súa queixa porque o seu amigo ten outro amor (aspecto que relaciona a cantiga co patrón temático da chanson de change) e do motivo da nai-obstáculo para a concordia da relación amorosa. Salientan as súas cantigas de escarnio por faceren referencia a episodios bélicos coma o da deposición de Sancho II, que derivou na creación do ciclo dos cabaleiros traidores a Sancho II que entregaban os seus castelos ao conde de Boulogne, futuro Afonso III. O outro acontecemento retratado alude á covardía dos cabaleiros que tomaron parte nas campañas andaluzas, un dos ciclos temáticos máis importantes do noso cancioneiro e no que se erixe como figura destacada o propio Afonso X. Finalmente, nun escarnio persoal mófase dun tal Roi Garcia pola súa condición de homosexual, sabiamente encuberta baixo o xogo semántico da expresión “desseinô-o”. No aspecto formal, a maioría das cantigas -se exceptuamos os textos fragmentarios que non permiten establecer valoracións- son de refrán e mesmo aparecen exemplos do refrán intercalar. Tamén destaca o emprego da cobra singular -agás un caso de cobras doblas-, e dos versos decasílabo e octosílabo. A probable fragmentariedade de cinco cantigas de amor impide establecermos consideracións sobre a elaboración retórica das súas cantigas. Aínda así, salienta a presenza do paralelismo como método compositivo e discursivo na meirande parte delas.
Cronología
-
Deceso
Lugar : hoxe Tondela -
Deceso
Lugar : Viseu