Afonso Sanchez

Afonso Sanchez

Trobador, primeiro fillo ilexítimo de don Dinís de Portugal con Aldonça Rodrigues de Telha. No ano 1289 aparece mencionado o seu nome nunha doazón feita polo Rei ao medio irmán do trobador, o tamén ilexítimo e trobador Pedro de Portugal, Conde de Barcelos. Na Corte de seu pai, ademais de coñecer os rudimentos do trobar gozou dunha posición política vantaxosa. Entre 1291 e 1304 recibiu do monarca diversas posesións na Beira, Paiva, Vouga e Salamanca; dende 1307 participou activamente na vida da Corte ao obter ese mesmo ano o título de Senhor de Albuquerque. Polo seu matrimonio con Teresa Martins, e como consecuencia do fallo rexio de 1312 que poñía fin á contenda que mantiña co outro herdeiro, o conde Martin Gil de Riba de Vizela, o infante recibiu unha importante herdanza do seu sogro, Xoán Afonso de Albuquerque, incorporando ao seu patrimonio distintas propiedades no Entre Douro e Minho, Estremadura e Alto Alentejo. Paralelamente, medraba a súa proxección política na corte, detentando dende 1313 o cargo de mordomo-mor do Rei. En 1319 viuse envolto na guerra civil que enfrontou a Don Dinís co príncipe herdeiro, Afonso. Exiliado en Castela ao remate do conflito (1324), Afonso IV confiscoulle as súas posesións (1325). Estas fóronlle devoltas tres anos despois, logo de varias incursións armadas en Portugal co apoio das tropas castelás. Morreu ese mesmo ano no cerco de Escalona, e foi soterrado no mosteiro de Santa Clara de Vila do Conde, que fundara en 1318. Afonso Sanchez desenvolveu a súa actividade poética nos círculos da corte de Don Dinís, onde posiblemente se relacionou con Vasco Martinz de Resende, trobador co que sostén unha tenzón. É autor de quince composicións, nove cantigas de amor, dúas cantigas de amigo, tres de escarnio e maldicir e a mencionada tenzón con Vasco Martinz de Resende, que foron recollidas polo Cancioneiro da Biblioteca Nacional, polo Cancioneiro da Biblioteca Vaticana (tamén no seu descriptus) e polo Cancioneiro da Bancroft Library. A tenzón conta con dous relatores máis, dúas copias tardías do s XVII, que se conservan en dúas misceláneas depositadas, respectivamente, na Biblioteca Nacional de Madrid e na Biblioteca Pública Municipal do Porto. Cultiva unha poesía de excelencia mediante a simbiose de distintas vetas temáticas e a posta en práctica de hábiles procedementos de construción do texto. Na cantiga de amor, xunto a motivos tradicionais da poética galego-portuguesa, como a vasalaxe de amor, a coita provocada pola falta de correspondencia amorosa, a indiferenza da dama ou a perda de sentido e a morte, consecuencias nefastas da perda da senhor, desenvolve outros menos convencionais, como a dúbida afectiva do trobador, incapaz de saber se é ben ou mal o que lle proporciona a vasalaxe de amor ou o desexo da morte, fonte de felicidade e ben, que lle permitirá encontrarse coa amada no reino das tebras. Dentro deste mesmo código, o trobador constrúe, mediante a inversión de temas tópicos da cantiga de amor, dous escarnios de amor nos que o vituperio da dama e a censura aberta do seu proceder se plasman a través da ironía e da inserción no corpo da cantiga da linguaxe popular e do proverbio. As dúas cantigas de amigo tratan temas enmarcables no campo sémico do amor insatisfeito: o desacougo da amiga celosa e a coita da doncela polo amigo ausente. Nas cantigas satíricas o autor sérvese da sátira encuberta, lograda mediante o xogo coa aequivocatio, para realizar a sátira dunha doncela de costumes dubidosos, o ataque a un representante da alta nobreza e a censura dos falsos conversos. A temática relativa á materia da propia tradición literaria estrutura a tenzón, un escarnio literario que se debe entender como un xogo lúdico de corte. A elaboración e a riqueza caracterizan, no que atinxe á técnica compositiva, o cancioneiro deste trobador. Cultiva a cantiga de mestría (só dous textos seguen o modelo da cantiga de refrán), os distintos procedementos de concatenación estrófica -cobras capdenais, capfinidas e capcaudadas-, a estrutura atehuda e atehuda ata a fiinda, os esquemas rítmicos das cobras unisonantes, dobras e alternas, e as técnicas do paralelismo e do leixaprén. Enriquecen a súa produción poética o recurso do dobre equívoco en rima, ás rimas derivadas, palabra rima e palabra volta, así como outros procedementos englobables dentro dos colores rhetorici e dos tropos da retórica clásica.

Cronología

  • Nacemento

  • Deceso

    Lugar : Escalona