Ambrosio, santo
De nobre familia, foi funcionario do Imperio Romano e gobernador de Milán. A súa elección como bispo tivo lugar por aclamación popular, sendo aínda catecúmeno. A lenda di que na asemblea de fieis un meniño berrou: “Ambrosio, bispo!”, o que se interpretou como voz divina. No prazo dunha semana bautizárono, ordenárono sacerdote e consagrárono Bispo. Aprendeu grego e entregouse ao estudo da teoloxía; é un dos catro doutores da Igrexa Latina. No 387 bautizou o que habería ser santo Agostiño. Interveu activamente na defensa dos bispos católicos contra os candidatos arrianos e enfrontouse ao Emperador, cando este tentou subtraerlle aos arrianos as dúas basílicas milanesas máis grandes. Tempo despois, cando o Emperador Teodosio ordenou a matanza dos habitantes de Tesalónica, alporizados contra o prefecto, impúxolle unha penitencia pública e no ano 390 prohibiulle a entrada no templo de Milán ata que non demostrase a súa inocencia naquelas masacres. A Lenda Dourada de Jacopo de Voragine recolle moitos feitos lendarios da súa vida; nun deles, unhas abellas entran na súa boca aberta mentres dorme, coma se fose un trobo de mel. Seguramente esta historia vén ser unha asimilación dunha lenda antiga pagá, feito que se explica polo xogo de palabras do seu nome, relacionado coa ambrosía (manxar dos deuses), asimilada ao mel. Entre as súas obras esexéticas de tendencia alegórica, salientan o Hexaemeron, sobre os 6 días da creación, e o tratado De officiis ministrorum (391). É autor de dous libros: De mysteriis e De sacramentis. Santo Ambrosio está considerado como un dos catro grandes Pais occidentais e Doutor da Igrexa. Creou himnos en lingua latina que, con melodías populares, callaron rapidamente nas comunidades cristiás e promoveu o canto antifónico dos salmos. Hoxe é patrón de Milán e a súa festividade celébrase o 7 de decembro.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Tréveris