Anatolia ou Asia Menor
Rexión asiática de Turquía. A península de Anatolia está constituída por un núcleo antigo, a Plataforma Central (con 700 m de altitude media ao O e 400 ao L), ao redor da que se sitúan os cordais do dobramento alpino: montes do Ponto ao N e montes Tauro ao S. O clima da Plataforma Central é continental; os ventos son secos e a vexetación é esteparia. Na costa as temperaturas son máis suaves e hai máis humidade. O ámbito que comprende o nome de Anatolia foi aumentando co paso dos séculos. Na época bizantina, Anatolia era un distrito militar no O da Península; a comezos da época otomana era a parte asiática do imperio que comprendía o O e o N da Península; o actual estado turco comprende, administrativamente, a totalidade do territorio asiático, incluídos os sectores armenio e mesopotámico.
 
                  