angustia

angustia

(

  1. s f

    Estado de aquel que está angustiado ou abatido a causa dun desgusto ou da opresión da atmosfera.

    Ex: A angustia que arrastraba fíxoo decaer nese momento.

    Sinónimos: ansiedade. Confrontacións: agonía, congoxa.
  2. s f [PSIC/MED]

    Malestar profundo, físico e psíquico, determinado pola impresión dun perigo inminente ou indeterminado, ou polo temor dun acontecemento desagradable ante o que o home se amosa impotente. Pódese manifestar en forma de crise ou como un estado permanente. Comporta trastornos do sono, irritabilidade, astenia, diminución do desexo sexual e trastornos neurovexetativos diversos. A situación vívese como un pesadelo obsesionante, o que dá lugar a unha inquietude constante que pode converterse en pánico. Os síntomas somáticos poden predominar, e entón o aspecto psíquico pasa a un segundo termo. Caracteriza a neurose de angustia, pero tamén se pode atopar en afeccións orgánicas, sen que haxa vestixios de conflito ou predisposición intrapsíquica. Psicoloxicamente, cómpre distinguir entre a angustia obxectiva e a angustia interna. A primeira dáse principalmente nas fases primitivas da evolución da personalidade, e prodúcese polo conflito entre un impulso e unha causa externa á propia persoa que lle priva de satisfacción. Coa progresiva evolución da personalidade e coa interiorización das figuras que representan a autoridade (superego), maniféstase o segundo tipo.

  3. angustia existencial [FILOS]
    1. Inquietude metafísica e moral que se manifesta na conciencia de ser un individuo separado do todo universal, o que produce dor. Tamén expresa a loita entre a realización dun destino persoal baixo o signo da liberdade e a ameaza da nada. O filósofo romanés E. M. Cioran puxo en relación este concepto coa palabra ennui do francés e coa saudade do galego e do portugués, palabras que para el son intraducibles.

    2. Estado anímico, característico do home, que lle revela a nulidade da súa existencia. Segundo Kierkegaard, a angustia é existencial porque revela a finitude humana. Heidegger designa con este concepto aquela situación na que a nada revélaselle ao home como o fundamento da existencia.

  4. angustia da influencia

    Teoría elaborada por Harold Blomm (The Ansiety of Influence, 1973) que interpreta en clave edípica o conflito que viven os autores do presente con respecto aos do pasado. Segundo o crítico, o escritor novo teme a carga opresora e influenciadora da tradición, e resiste a angustia da influencia mediante o misreading ou malinterpretación dos textos dos precursores.

Palabras veciñas

anguloso -sa | Angus, condado de | angusti- | angustia | angustiado -da | angustiar | Angustias