anilina

anilina

(< anil + -ina)

  1. s f [QUÍM]

    Amina primaria, a máis simple das aromáticas. Líquido oleaxinoso, incoloro e de cheiro característico, de carácter básico feble, que se ennegrece por efecto do aire e da luz. Antigamente preparábase a partir do anil, de onde provén o seu nome. Actualmente obtense principalmente da redución catalítica do nitrobenceno con hidróxeno, da amonólise do clorobenceno con amoníaco acuoso a presión, e da amonólise do fenol por paso dunha mestura de fenol e amoníaco sobre alumina a 450-480°C e a presión. Está presente en pequenas cantidades no alcatrán de hulla e obtense en grandes toneladas por síntese. A anilina é tóxica por inhalación, inxestión ou absorción cutánea e pode dar lugar a intoxicacións graves (anilismo). As propiedades químicas da anilina son fundamentalmente as das aminas primarias e as dos compostos aromáticos. Pola acción dos oxidantes dá, por orde de oxidación crecente, azobenceno, nitrobenceno, quinona e negro de anilina. En tanto que composto aromático é susceptible de sulfonación, nitración e haloxenación. As aplicacións da anilina son numerosas e variadas. O 65% da súa produción vai destinada á fabricación de catalizadores e antioxidantes para o caucho. Seguen, por orde de importancia: o seu uso na industria de colorante, a fabricación da hidroquinona para a fotografía, a industria dos plásticos e a dos produtos farmacéuticos, especialmente antipiréticos. A anilina emprégase tamén na fabricación de explosivos e como disolvente no refinado de petróleo. Á parte da súa aplicación directa, dá lugar a derivados de aplicación técnica como poden ser a acetanilida, o ácido sulfanílico e a difenilamina.

  2. s f [QUÍM/IND]

    Designación xenérica elíptica dos colorantes sintéticos derivados da anilina.

  3. clorhidrato de anilina/ sal de anilina [QUÍM]

    Composto obtido a partir de anilina e ácido clorhídrico. Emprégase na síntese de colorantes e para a tintura e o estampado ao negro de anilina.

  4. pel/coiro anilina [IND]

    Dise da pel que, eliminado o pelo ou a la, estivo adobada, tinguida e acabada polo costado da flor, de xeito que conserve perfectamente o debuxo ou grao natural da mesma pel. O cualificativo de ‘anilina’ exclúe o uso de toda clase de pigmento ou recubrimento opaco que tape a superficie natural da pel. O nome provén dos colorantes chamados de anilina que son o elemento máis importante da tintura e o acabado destas peles.

  5. procedemento á anilina [GRÁF]

    flexografía.

  6. punto de anilina [TECNOL]

    Temperatura á que unha gasolina é miscible cun volume igual de anilina. Utilízase para calcular o contido de substancias aromáticas dos hidrocarburos.

Palabras veciñas

anil | anileridina | anilida | anilina | anilinio, ión | anilismo | anilla