Anllo

Anllo

Río da Terra Chá, afluente do Miño pola dereita. Nace na parroquia de Goán, concello de Abadín, a 480 m de altitude da confluencia de varios ríos e regos, o Abadín, o Rego Grande e o Rego Picheira. Todos estes baixan do engarzamento da Serra da Carba coa Serra do Xistral, artellando (no caso do Abadín) unha rede fluvial que se nutre dos ríos Labrada, Espiñaredo, Gontán e moitos outros regos. Dende Gontán, o Anllo segue unha dirección N-S polas parroquias de Baroncelle e Moncelos, pasa ao concello de Cospeito pola parroquia de Goa, continuando por Roás e Momán. Adéntrase logo pola parroquia de Triaba no concello de Castro de Rei, onde vira para adoptar NL-SO e volver ao concello de Cospeito pola parroquia de Xermar, onde serve de deslinde municipal entre Cospeito e Castro de Rei (parroquias de Xermar e Triaba, respectivamente) ata a súa captura polo Miño no lugar do Muíño do Toural a 395 m de altitude.