Anllóns

Anllóns

Río que drena a comarca de Bergantiños, ao longo dun percorrido de 54,4 km en sentido L-O, artellando unha conca de 516 km2 de superficie. Ten as súas fontes no lugar da Pedra do Coto, a 410 m de altitude, na parroquia de Meirama do concello de Cerceda, na vertente NO dos Montes do Xalo. A seguir adéntrase uns 350 m polo concello de Culleredo e pasa ao de Laracha pola parroquia de Soandre onde recibe a auga do Río Grande. Segue polas parroquias de Erboedo, Coiro e Vilaño, onde captura o río Acheiro. Pasa ao termo de Carballo polas parroquias de Berdillo, Bértoa, Carballo e Sísamo onde, seguindo por Cances, serve de límite co municipio de Coristanco. Adéntrase logo neste concello pola parroquia de Verdes, que o leva a facer límite co municipio de Ponteceso polas parroquias de Corcoesto (Coristanco) e Xornes (Ponteceso), deixando Cospeito para facer linde entre Cabana de Bergantiños e Ponteceso polo Esto e Cesullas (da banda de Cabana), e Langueirón e Anllóns (da banda de Ponteceso). Desemboca formando a Ría de Corme e Laxe, logo de recibir o Río da Balsa e o seu último afluente, o Rego de Ponteceso. Na súa desembocadura, desauga un caudal medio de 11,415 m3/s. O seu réxime estacional manifesta dependencia das precipitacións, a única alimentación que recibe o río, acadando o máximo caudal en febreiro e, os mínimos, en agosto e setembro.