Antaio

Antaio
[HIST/HERÁLD]

Liñaxe asturiana procedente do municipio de Parres que, segundo algúns investigadores, pasou a Galicia fundando casa en Rubiáns, no concello de Vilagarcía de Arousa. As súas armas ostentan escudo partido: a primeira partición de sinople, cunha torre de pedra e a segunda de ouro, cunha banda de sinople; bordo de goles, con oito estrelas de ouro. Outra variante leva, en campo de goles, un castelo de prata sobre rochas que ten, ao seu pé e no flanco destro, unha cabeza de mouro; na torre de homenaxe aparece unha bandeira de ouro cunha hasta de prata. A forma castelanizada deste apelido é Antayo.