Antártico, Océano

Antártico, Océano

O máis meridional dos océanos que rodea a Antártida. Está formado pola reunión da parte sur dos océanos Atlántico, Índico e Pacífico. Como non ten límites ben definidos, estes establecéronse a partir das temperaturas das augas superficiais. Convencionalmente dividiuse en dúas partes: a primeira, a máis próxima ao polo, de salinidade débil e temperatura próxima aos 0°C, esténdese desde a costa ata a liña de converxencia antártica (de 50° a 60° de latitude sur); a segunda área comprende entre a liña de converxencia antártica e a de converxencia subtropical (de 35° a 40° de latitude sur) e ten unha temperatura entre 5° e 10°C. As augas están cubertas por plataformas de xeo, preto da costa antártica. Augas adentro, o xeo tamén é abundante e ás veces forma icebergs de gran volume. O fondo está constituído por fosas de gran profundidade, como a de Bellinghausen (5.398 m) limitada pola dorsal da illa de Pascua. Outra gran fosa é a que se estende ao S do océano Pacífico entre as illas Hawaii e as de Kerguelen, na que a profundidade acada os 5.232 m. Bioloxicamente é un dos máis ricos de todo o mundo, aínda que pouco diversificado: hai representadas poucas especies animais e vexetais, pero as poboacións son moi numerosas. As aves (pingüíns, albatros, corvos mariños e outras) adoitan ser endémicas da rexión. Entre os mamíferos cómpre destacar os cetáceos, as baleas e pinnípedos, as focas, os otarios ou leóns mariños e os elefantes mariños.