Antas Franco, Francisco de
Entallador e escultor barroco coñecido pola súa obra como retablista. Foi mestre titular das obras da Catedral de Santiago de Compostela (1639-1664). Na súa etapa de formación pódense identificar as seguintes obras: o retablo da capela de San Xacinto no Convento de San Domingos de Bonaval (1618); o trazado do cadeirado do coro baixo do mosteiro de San Paio de Antealtares, así como os entalles, que realizou xunto con Bertomeu Delgado (1619); o retablo para a capela maior da Igrexa de Santa María a Grande, en Pontevedra, -substituído posteriormente por un retablo gótico de Maximino Magariños-; e dous retablos colaterais na Igrexa da Nosa Señora de Fisterra (1640). A súa formación clasicista faise efectiva na actividade que desenvolve na Catedral de Santiago de Compostela, tanto no retablo da capela da Purísima Concepción (1637) como na decoración da capela maior ou no tabernáculo, traballos realizados baixo a dirección de Vega Verdugo. Tamén é o autor de varias obras menores para a Catedral de Santiago (1634-1660), entre as que figuran unha caixa para as votacións dos capitulares, un braseiro de talla ou as reixas da capela das Reliquias.
Cronología
-
Deceso
Lugar : Santiago