1 antena

1 antena

(

  1. s f [ANAT]

    Apéndice cefálico articulado, propio dos artrópodos mandibulados (miriápodos, insectos e crustáceos) e dos onicóforos. Consta dunha base e dun flaxelo, onde adoita ter pilosidade abundante. Segundo a forma, a antena recibe diferentes nomes (filiforme, lameliforme, claviforme, pectinada, plumosa e capitada). Ten unha función sensitiva, xa que nela se localizan corpúsculos táctiles, gustativos, olfativos e, ás veces, auditivos.

  2. [COMUN]
    1. s f

      Dispositivo utilizado nas técnicas de telecomunicación para a captación (antena receptora) ou a produción (antena transmisora) de ondas electromagnéticas. Faise circular pola antena transmisora unha corrente eléctrica que induce ao seu redor un campo eléctrico e outro magnético (onda electromagnética) que se estende polo espazo e, ata atopar unha antena receptora, á que lle induce unha corrente eléctrica similar á orixinal. A antena é, entón, un dispositivo que transfire a enerxía eléctrica do transmisor ao aire, en forma de enerxía electromagnética, e do aire ao receptor, novamente en forma de enerxía eléctrica. Os parámetros que definen unha antena son: a impedancia (relación entre a tensión aplicada e a corrente que circula), a ganancia (que é a relación entre a enerxía transmitida e a recibida) e a directividade (propiedade de transmitir ou recibir con máis ganancia nunha ou en diversas direccións). A directividade exprésase mediante o diagrama de radiación, que mostra a ganancia da antena en función da dirección. As antenas que presentan unhas características de radiación máis ou menos uniformes en todas as direccións chámanse omnidireccionais, mentres que as provistas para emitir ou recibir nunha dirección determinada se chaman direccionais ou directivas. Existen diversos tipos de antenas, cunhas formas e dimensións que dependen do uso, da frecuencia das ondas, do tipo de transmisión e doutros factores. As antenas situadas a bordo de vehículos, en función do grao da estabilidade de orientación do vehículo, son máis ou menos direccionais, pero cando o vehículo non ten unha posición estable, a antena ten que ser omnidireccional. Respecto ás antenas situadas na terra, e destinadas a enviar ordes ao vehículo ou a recibir información, xeralmente son de tipo helicoidal ou con reflector parabólico.

    2. antena colectiva

      Antena utilizada conxuntamente por diversos usuarios. Para poder alimentar diversos receptores, é necesario amplificar o sinal antes de distribuílo. A miúdo, os sinais recibidos por diversas antenas colectivas de radio en AM e FM, e de televisión en VHF e UHF, son mesturadas nunha mesma liña de distribución e separadas despois para alimentar os distintos aparellos.

    3. antena de bolboreta

      Antena cunha forma que recorda a unha bolboreta coas ás despregadas. Acostuma estar formada por dous paos perpendiculares, cada un deles en forma de dobre triángulo, unidos polos seus vértices. Utilízase principalmente como emisora en televisión.

    4. antena de cadro

      Antena formada por un bastidor sobre o que se enrola un condutor formando un cadro.

    5. antena de núcleo de ferrita

      Antena consistente en diversas espirais de fío condutor enroladas sobre un núcleo de ferrita. As propiedades da ferrita permiten concentrar as ondas radioeléctricas no núcleo, e reducir considerablemente as dimensións da antena. Emprégase en pequenos receptores de radios portátiles.

    6. antena dipolo

      Antena formada por dous condutores rectos, de igual longura, un a continuación do outro. Poden estar dobregados ata que os seus extremos se xunten; entón chámaselle dipolo pregado.

    7. antena parabólica

      Antena formada por unha superficie condutora en forma de casco paraboloide; nun dos focos desta están situados o transmisor e o receptor. Nesta antena, as ondas electromagnéticas recibidas dun punto afastado son reflectidas pola superficie parabólica e concentradas no foco. Emprégase para a transmisión ou recepción a moi altas frecuencias en radar, comunicacións vía satélite, comunicacións militares de campaña, enlaces de televisión por microondas e outras formas de comunicación.

    8. antena telescópica

      Antena vertical da que o condutor está formado por diversos tubos de distinto diámetro, de maneira que uns entran dentro dos outros. Así conséguese pregar a antena cando non se emprega.

    9. antena vertical

      Antena dipolo á que se lle suprime un dos elementos. O elemento que resta sitúase sobre un plano condutor, cun comportamento que é semellante ao dun espello. Unha variante da antena vertical é o plano radiante, estrutura metálica que forma o elemento dipolo. Utilízase para as transmisións de radiodifusión por onda media.

    10. antena Yagi

      Antena que consta dun dipolo pregado ao que se lle engaden elementos pasivos, que poden ser directores ou reflectores, paralelos e van, respectivamente, adiante ou detrás do dipolo. A misión dos elementos pasivos é a de aumentar a direccionalidade da antena e a de acrecentar a ganancia na dirección da emisora. Adóitase utilizar para a recepción de sinais de televisión.

    11. campo de antenas

      Conxunto de antenas, normalmente verticais, dispostas unha ao lado da outra nunha superficie de terreo de maneira que, segundo sexan excitadas con diferentes fases, se acádan distintos diagramas de radiación.

  3. s f [CONSTR]
    1. Pao groso e longo formado habitualmente por un tronco dereito, descortizado, plantado na terra verticalmente e no extremo superior do cal se fixa unha polea ou un aparello de tres poleas. Serve para izar algúns elementos construtivos como as trabes e as armaduras para os tellados.

    2. Pao groso plantado verticalmente que sostén un toldo ou unha tenda de lona de grandes dimensións.

  4. s f [MAR]
    1. ara longa que se fixa oblicuamente á árbore ou ao bordo da vela latina, que serve para izala e suspendela; está formada por dúas pezas empalmadas chamadas pao, no extremo inferior da entena, e pena, na superior.

    2. Todo pau fixo e en posición máis ou menos vertical, onde se iza unha bandeira, unha insignia ou calquera outro distintivo.

    3. Aspa.

  5. s f antena anemométrica [AERON]

    Tubo de Pilot empregado especialmente nos avións para determinar a súa velocidade.

  6. espada/puñal de antenas [ARQUEOL]

    espada de antenas.

  7. s f

    Termo da xerga das palilleiras que corresponde á voz que designa un tipo de encaixe.

Palabras veciñas

antemural | antemuralla | antemuro | 1 antena | 2 antena | Antena | Antena 3 Radio